Thursday 07 de August de 2025

Valentín García salienta a internacionalización da lingua galega a través da música


— A cantante Uxía Senlle pasará este verán por sete concellos galegos no marco da programación estival ‘Para gustos cultura’

— A artista celebra os 40 anos de música, viaxa ás súas raíces e explora novas formas con liberdade creativa

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Castelo de San Antón da Coruña na presentación da xira de Uxía Senlle, Será por flores, unha cita organizada co apoio da Xunta de Galicia para impulsar a música de creación feminina e poñer en valor e recoñecer o talento galego e a música na nosa lingua que este verán pasará por sete concellos galegos ao abeiro da campaña estival Para gustos, cultura do executivo autonómico.

Así, durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que esta xira, que se celebrará a partir deste mes de agosto, percorrerá distintas vilas e cidades galegas, para “celebrar con Uxía estes 40 anos de carreira”. Nesta mesma liña, tamén salientou a calidade da música galega e en galego e que ano tras ano vai sumando máis recoñecemento, e que, sen dúbida, “Uxía ten grande responsabilidade na consecuencia deste fito, facendo chegar a cultura, a lingua e a música galega, ademais da portuguesa e a promoción da lusofonía a moitos países distintos”.

7 concertos e 2 celebracións
A xira Será por flores levará desde agosto e ata novembro as músicas da cantante Uxía a sete cidades e vilas galegas. Deste xeito, o día 13 deste mes comeza na Coruña, e pasará por Ribeira e Samos os días 20 e 21 de setembro; por Lugo o 8 de outubro, e, xa en novembro, por Burela, o día 1; Narón o 23, e Carballo, o día 28.

Son os sete primeiros concertos dunha xira que se ampliará con vindeiras datas e que serve para festexar as catro décadas de carreira dunha das cantautoras pioneiras en profesionalizarse como compositora e intérprete da nosa música tradicional, e os 30 do seu álbum Estou vivindo no ceo. Neste senso, será un espectáculo único e intimista, onde revisita os piares do seu percorrido musical e continúa explorando novas formas con liberdade creativa, unha viaxe ás súas raíces galegas, ás composicións propias e ás músicas que a inspiraron para mostrar os innumerables camiños que percorreu.

Deja un comentario