Thursday 07 de August de 2025

A IX Noite Velada enche de luz e música tradicional o campo do río de Ponte Ledesma


O campo do río de Ponte Ledesma acolleu na noite do venres a novena edición da “Noite Velada”, organizada polo Concello de Boqueixón e que conta cunha gran acollida dos veciños e as veciñas da zona. Unha noite máxica na que a música tradicional resoou aos pes da histórica ponte e ás beiras do río Ulla, que estiveron alumeados pola luz de máis de 300 candeas e de 50 teas.

O concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, aproveitou para “agradecer aos nosos grupos locais a súa colaboración nesta festa de exaltación da nosa tradición e da nosa cultura que, ademais, ten lugar no mellor lugar posible, ao pe desta histórica ponte ás beiras do río Ulla e cun magnífico público con gañas de desfrutar da música”.

Unha música que este ano correu a cargo dos grupos locais Muxicas da Silveira e da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, encargándose de pechar a noite o grupo “Leirabuxo”, de Melide, que presentou en Boqueixón temas dos seus dous discos de estudo e unha selección dos éxitos máis coñecidos do cancioneiro popular galego tradicional.

Deja un comentario