
— Este financiamento pode cubrir ata o 100% do custo das intervencións, cun límite de 4.500 € por exemplar e de ata 8.000 € en caso de que se trate dun conxunto
— O Catálogo galego inclúe na actualidade 204 elementos pertencentes a 81 especies diferentes, sendo a provincia de Pontevedra a que concentra o maior número
A Xunta concedeu este ano un total de 33 axudas por un importe global de 90.000 euros para financiar diferentes tipos de actuacións para a mellora, conservación e divulgación dos exemplares e formacións que conforman o Catálogo galego de árbores senlleiras. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das dúas ordes de incentivos convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a comezos deste ano.
En concreto, unha delas está dirixida a concellos ou agrupacións locais titulares dalgún destes elementos, cun orzamento asignado para 2025 de 30.000 euros que se repartiu na súa totalidade a través de 10 axudas concedidas a sete entidades locais; e a outra, destinada a persoas físicas ou xurídicas así como a entidades e empresas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, no marco da cal se concederon 60.000 euros repartidos entre 23 subvencións.
Cómpre lembrar que estas axudas autonómicas poden chegar a cubrir ata o 100% do custo das actuacións a executar, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trata dunha formación senlleira.
Entre as intervencións subvencionables inclúense podas, traballos de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados; actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos específicos.
A primeira convocatoria destas axudas publicouse no ano 2010 e só no período 2020-2024, a Xunta concedeu algo máis de 317.000 euros a través das sucesivas convocatorias. Con elas, búscase contribuír á posta en valor daqueles exemplares merecedores de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia a valorar.
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, polo que poden propoñer a inclusión de elementos novos tanto os seus propietarios, como administracións, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.
Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 204 elementos —156 exemplares e 48 formacións arbóreas— pertencentes a 81 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias, destacando a de Pontevedra, cun total de 76:
PROVINCIA ÁRBORES FORMACIÓNS TOTAL
A Coruña 43 14 57
Lugo 36 7 43
Ourense 22 6 28
Pontevedra 55 21 76
Total 156 48 204
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.