Thursday 07 de August de 2025

A Regata Rías Baixas recalará no porto da Pobra, a única parada en toda a provincia


· Será o venres, 15 de agosto, coincidindo cunha das citas estivais máis importantes do municipio: o Carme dos Pincheiros.

· A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, e Lorena Rosende e Paco Riveras, membros da directiva do Club Náutico Vigo, presentaron, esta mañá, a nova edición.

A cultura mariñeira forma parte da esencia da Pobra. Tanto é así, que esta temática é o fío condutor de boa parte das actividades da programación turística de verán. Esta liña de traballo verase reforzada, un ano máis, coa LXII Regata Rías Baixas organizada polo Club Náutico de Vigo. Trátase da única gran regata de cruceiro que subsiste en España e que fará unha única parada en toda a provincia no concello. A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, e Lorena Rosende e Paco Riveras, membros da directiva do Club Náutico Vigo, presentaron a cita deportiva, na que se espera a participación de arredor de 40 embarcacións procedentes de toda a xeografía autonómica e nacional.

Durante a súa intervención, a concelleira incidiu no orgullo que supón para A Pobra ser un dos portos nos que recale esta Regata Rías Baixas “estamos moi contentos de colaborar nesta edición tan especial, xa que é a primeira organizada pola nova xunta directiva do club”, subliñou. Ademais, a edil adiantou que este ano, como novidade, “repartiranse vales para os participantes da regata, que poderán gastar nos establecementos hostaleiros do noso concello” e mostrou o seu agradecemento “á Asociación de Empresarios da Pobra, que se encargará da xestión destes vales, e aos negocios locais de hostalaría polo seu traballo nun día tan intenso como é o 15 de agosto no noso municipio, ao coincidir co inicio das festas do Carme dos Pincheiros”.

A regata consta de catro etapas, nas que se pasará polas rías de Vigo, as de Pontevedra e Arousa. En total, os regatistas cubrirán 125 millas náuticas de navegación. O venres, 15 de agosto, as persoas participantes deberán facer as 35 millas que separan Portonovo da Pobra, enfrontándose a unha das partes máis complexas e esixentes de todo o percorrido. Ese mesmo día, a partir das 19.30 horas, haberá degustacións para o público asistente e unha entrega de trofeos aos mellores regatistas da xornada na praza do Emigrante. A Regata Rías Baixas recalará nun dos días grandes do municipio, co inicio da festa do Carme dos Pincheiros.

Deja un comentario