Saturday 23 de November de 2024

A Fundación CETMAR coordina un novo proxecto para mellorar a preparación e resposta ante episodios de contaminación marítima


A iniciativa MARINER conta coa participación de socios galegos e europeos e desenvolverase ata finais do 2017 con financiamento da Comisión Europea

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR coordina o proxecto MARINER, que ten como obxectivo mellorar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de sustancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP). Para iso este proxecto, financiado pola Comisión Europea, contempla a formación e unha maior sensibilización e intercambio de información. Tamén a transferencia dos resultados doutros proxectos de I+D nesta materia.

O proxecto prolongarase ata decembro de 2017 e nel traballarase para a identificación e compilación de recursos e resultados relevantes de investigación en SNPP. Ademais do CETMAR nel participan a Universidade de Vigo, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) e o Servizo de Gardacostas de Galicia, ambos os dous dependentes da Consellería do Mar. Tamén forman parte do consorcio institucións europeas como o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) pertencente á Universidade de Porto; o Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (CEDRE) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England (PHE).

Os socios de MARINER abordarán tamén a adaptación ao medio mariño dos protocolos e equipos existentes para a resposta a derrames deste tipo de sustancias en terra e en ambientes fluviais. Outro obxectivo a tratar neste proxecto é o desenvolvemento e a mellora de modelos de predición do comportamento, traxectoria e impacto ambiental das SNPP, así como de materiais, cursos de formación e ferramentas que faciliten a realización de exercicios adaptados a diferentes rexións e escenarios.

Outros proxectos neste eido
A Fundación CETMAR conta cunha ampla traxectoria de coordinación e participación en diferentes proxectos encamiñados a mellorar a preparación e a capacidade de resposta á contaminación marítima.

O centro coordinou a Plataforma PROTECMA (Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e do Medio Mariño) para promover a nivel nacional a I+D neste ámbito da man de empresas, organizacións científicas e administración. Ademais, durante sete anos estivo ao fronte dos proxectos ARCOPOL para mellorar as capacidades de prevención, resposta e mitigación contra as verteduras de hidrocarburos, substancias químicas e inertes nas rexións atlánticas europeas.

Froito deste traballo, CETMAR estableceu a Plataforma ARCOPOL que a día de hoxe segue operativa e conta con preto de 200 membros de toda Europa e dos EEUU. Esta plataforma é un foro de encontro entre organizacións público e privadas no campo da loita contra a contaminación mariña, que pretende favorecer o intercambio de experiencias, a identificación de retos futuros e a xeración de proxectos de colaboración para facerlles fronte.

Parte dos resultados dos proxectos ARCOPOL están recollidos no Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL), que establece as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral galego. A nivel dos concellos costeiros, os proxectos ARCOPOL tamén organizaron diversas actividades de asesoramento e información para facilitar a elaboración dos plans locais.