Tuesday 05 de August de 2025

O alcalde e o delegado da ONCE reúnense para ultimar a instalación do punto de venda fixo na Laracha


A iniciativa responde ao interese común de reforzar o compromiso social e achegar á cidadanía os produtos de xogo solidarios da organización.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, mantiveron unha reunión de traballo co delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, na que tamén participaron Marcos Rodríguez, xestor comercial da entidade, e Diego Rial, xefe de vendas.

O motivo principal da xuntanza foi avanzar na próxima instalación dun punto de venda fixo da ONCE no núcleo urbano da Laracha. A iniciativa responde ao interese común de reforzar o compromiso social no municipio mediante a divulgación da actividade da asociación e tamén facilitando á poboación o acceso aos diferentes xogos da ONCE. Precisamente durante a reunión destacouse o importante papel dese tipo de produtos de base solidaria, non só como fonte de ilusión diaria para milleiros de persoas, senón tamén como ferramenta chave para o financiamento de programas sociais dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Ademais de ofrecer o popular cupón diario, os puntos de venda da ONCE cumpren unha destacada función divulgadora, axudando a dar a coñecer entre a cidadanía o labor que a organización desenvolve en favor da inclusión, a accesibilidade e a igualdade de oportunidades en beneficio das persoas con diversidade funcional.

O alcalde e a edil expresaron a plena vontade do Concello de colaborar coa iniciativa e valoraron moi positivamente a próxima implantación na Laracha dese novo punto de venda, xa que contribuirá a dinamizar a vida comercial local e a fortalecer os vínculos de cooperación coa ONCE, entidade de referencia no ámbito da economía social e da atención á discapacidade.

Deja un comentario