Tuesday 05 de August de 2025

O concelleiro tránsfuga de Fisterra expulsado de Alternativa dos Veciños


Alternativa lamenta que se lle entrega a alcaldía de Fisterra ao PP, cando non lle pertence

A Comisión Executiva de Alternativa dos Veciños acordou iniciar os trámites de expulsión de Francisco Martínez Traba, concelleiro tránsfuga de Fisterra que apoia unha moción de censura xunto co PP contra a actual alcaldesa. Martínez Traba actuou unilateralmente, sen contar coa dirección do partido, traicionando por completo os postulados políticos de Alternativa e a confianza depositada polos veciños e veciñas de Fisterra nas pasadas eleccións.

O PP está tomando ao asalto algúns concellos nos que persoas doutros partidos, traizoando idearios e aos seus propios votantes, lles abren as portas das alcaldías de par en par a cambio de prevendas, que nada teñen que ver cos intereses veciñais. A moción de Fisterra está promovida por persoas que formaban Alternativa dos Veciños, que elixiron a actual alcaldesa como cabeza de lista da candidatura e que tras descontros persoais e intereses diversos chegaron a xerar tal odio ata acabar nesta situación. Nada xustifica esta moción de censura.

Por hixiene democrática, o concelleiro Martínez Traba que acaba de ser expulsado de Alternativa debería entregar de inmediato a súa acta de concelleiro e non usurpar durante máis tempo un cargo que a cidadanía de Fisterra lle entregou a Alternativa dos Veciños e non a ninguén a título individual. Esta persoa é libre de non querer cumprir cos posicionamentos políticos e co programa de Alternativa, pero non de actuar baixo o amparo dunhas siglas para beneficio propio e prexuízo de Fisterra.

Alternativa é un partido con máis de 40 anos de historia, que sempre se distinguiu por practicar unha política honrada, honesta e progresista. Loitamos para construír gobernos que traballen polo ben dos municipios, non para aliñarse cos partidos responsables da destrución dos pobos, da ruína dos concellos e do saqueo das administracións públicas.

Deja un comentario