
O proxecto Carballo para a infancia dá un paso de xigante na súa segunda fase, que inclúe a ampliación do parque do Chorís e a renovación integral dos parques da Praza do Outeiro e do Rego da Balsa para convertelos en espazos de xogos temáticos arredor de elementos con tanto simbolismo coma o antigo depósito de auga, a árbore que nos dá nome e o trolebús.
O medio de transporte que comunicou Carballo e A Coruña desde 1950 ata 1971 será agora o nexo de unión de todos os xogos do novo Parque do Rego da Balsa, que ademais mellorará en criterios de accesibilidade e integración social. O parque ofrecerá unha representación simplificada do territorio que abranguía a liña do trolebús, comezando pola férveda de Entrecruces e a central eléctrica impulsada por Enrique Sánchez, promotor anos despois da liña de trolebús.
Un tobogán dobre de aceiro inoxidable representará o espectacular salto de auga de San Paio e marcará o inicio do percorrido pola historia do trolebús. O curso do río Grande continuará, marcado no propio chan do parque, ata a antiga central eléctrica, que en realidade será unha casiña de xogos para os nenos e nenas máis pequenos. Na central producíase enerxía eléctrica grazas á forza da auga do río, que circulaba polo interior dunhas turbinas formadas por un complexo mecanismo, substituído no parque por un carrusel accesible para nenos/as de 4 a 14 anos.
O seguinte elemento do parque é unha estrutura lonxitudinal que lembra a catenaria do trolebús, e que no Rego da Balsa servirá de sostén para diferentes tipos de bambáns e enlazará co trolebús, elemento central do parque. O deseño do vehículo, fabricado especificamente para Carballo, está inspirado no modelo MAN AEG, que estivo en funcionamento desde 1950 ata 1961. O trolebús terá case 10 metros de lonxitude por case 5 de ancho, e unha altura próxima tamén aos 5 metros. No seu interior disporá de elementos interactivos e de trepa, ademais de iluminación. Do teito partirá un tobogán tubular de 2,5 metros de altura, tamén de aceiro inoxidable, e na parte inferior terá un túnel que permitirá aos peques atravesalo por debaixo.
O Parque Rego da Balsa, como non podía ser doutro xeito, terá tirolina. Será nova e permitirá continuar o percorrido do trolebús ata o seu destino final: Carballo. A nosa vila será un xogo de 16 metros de lonxitude por 4 de ancho e outros 4 de alto, con liñas de fachadas sucesivas entre as cales se incorporarán algúns dos edificios do noso skyline. No interior, deseñado para usuarios/as con capacidades diversas, haberá tobogán, elementos de trepa e outros xogos.
Carballo quere render homenaxe ao trolebús con este parque temático, que será único no mundo e converterase, sen dúbida, nun punto de atracción de peques e maiores. O proxecto foi adxudicado á empresa Jardinería Arce por 405.000 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.