
— A delegada informou que na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros
— Estas axudas non só permiten aforrar nas facturas da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no sector
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitou, esta mañá, o hotel O Noso neste Concello, que contou cunha achega autonómica de máis de 116.000 euros, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia do ano pasado, o que lle vai a permitir un importante aforro na súa factura eléctrica. A representante do Goberno autonómico destacou que na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros.
No caso desta axuda a subvención concedida destinouse á actuacións que lle van a permitir reducir a demanda enerxética do edificio en calefacción e climatización, mediante a mellora da envolvente térmica dalgún dos elementos que a compoñen. Ademais, están instalando illamento térmico polo exterior das fachadas tipo SATE e fachadas ventiladas. No salón social e de recepción optase por un illamento polo interior mediante trasdosado a base de placas de xeso laminado e pola instalación dun falso teito na cuberta da instalación social.
O proxecto tamén contempla a substitución da carpintería exterior e de vidros nos casos no que se considere necesario e finalmente contempla a instalación dun xerador fotovoltaico, cunha superficie total das placas de 59,41 m2.
Ademais, grazas a esta achega puideron renovar a neveira, lavadora e secadoras de tipo doméstico por outras de dimensións similares pero con maior eficiencia enerxética. Outra das actuacións foi a substitución da calandra-plancha tipo rodete por unha que mellore notablemente o consumo enerxético. Os electrodomésticos que se pretenden instalar son, en todos os casos, de igual tipoloxía e características análogas, pero permiten uns aforros de máis do 51% no seu consumo e de preto dun 90% no consumo xeral con toda a intervención.
A delegada da Xunta destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico sostible.
Convocatoria 2024
Con respecto ás solicitudes realizadas o ano pasado Belén do Campo lembrou que a Xunta reservou 11 millóns de euros en total, para apoiar a 150 empresas, para poder atender todas as peticións presentadas. Na comarca do Barbanza recibiron estas achegas 5 establecementos turísticos en Porto do Son, Boiro, Mazaricos, Muros e a Pobra do Caramiñal por un importe de máis de 475.000 euros.
Con respecto a convocatorias anteriores, a do 2024 introduciu como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén puideran optar a elas.
Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Como norma xeral, a intensidade da axuda foi de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto; aínda que puido chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acreditasen aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.
Entre as actuacións subvencionables incluíanse a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos teñen que estar executados antes do 31 de decembro de 2025.
Nova orde axudas 25-26
Na visita a delegada lembrou que no Consello da Xunta desta semana anunciouse a convocatoria dunha nova orde de axudas para mellorar os negocios turísticos da costa e para integrar a paisaxe co obxectivo do embelecemento do litoral. Estas axudas contarán cun orzamento de 5 millóns de euros e convocarense a principios do mes de setembro. Os apoios van dirixidos a hoteis, bares e cafeterías en vilas mariñeiras, e poderán recibir ata 232.000 para obras de fachada e melloras enerxéticas e para ampliar servizos mediante a dxitalización: apps ou QR turísticos.
Datos turísticos
Durante a visita a delegada valorou os datos feitos públicos do Instituto Nacional de Estatistica (INE) sobre a ocupación nos primeiros seis meses do ano que indican que 2.967.407 viaxeiros visitaron Galicia facendo un total de 4.961.113 noites nos establecementos galegos.
Belén do Campo apuntou que concretamente, no mes de xuño, o incremento de viaxeiros foi do 6,7% acadando 814.138 visitantes e do 7% nas noites, superando o 1,4M. En canto aos incrementos no mes de xaneiro foron do 4,3% e en maio 4%. Xerando uns ingresos netos nos establecementos de máis de 165M€. “Estas cifras son as máis elevadas dos últimos once anos e confirman a desestacionalización con crecementos en meses fóra de tempada”, apuntou.
Outro dato destacado pola delegada foi que o 90% dos galegos valora a actividade turística en Gañicia como positiva, xeradora de riqueza e emprego. “O que indica, recalcou que en imos polo bo camiño na promoción turística en Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.