
A alcaldesa Inés Rey destacou o valor do calendario como ferramenta de memoria colectiva e divulgación
A edición de 2026 inclúe máis de 600 efemérides, con 15 novidades respecto ao ano anterior, e xa está dispoñible en librarías e quioscos
O Concello da Coruña presentou esta mañá, no Salón Real do Palacio Municipal de María Pita, a décima edición do Calendario Histórico A Coruña, correspondente ao ano 2026. A publicación, promovida pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde), conta co patrocinio da Compañía de Tranvías e inclúe 633 efemérides que percorren a historia da cidade desde o século IX ata a actualidade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto e puxo en valor o calendario como “unha homenaxe continua á cidade, unha peza que nos permite coñecer mellor o noso pasado e fortalecer a nosa identidade colectiva”. A rexedora subliñou que a iniciativa “combina rigor, paixón e un formato accesible que achega a historia local a toda a cidadanía”.
Durante o acto participaron tamén José Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías; Rubén Ventureira, xornalista e autor dos textos; Alfonso Bartolomé, coleccionista responsable da colección fotográfica Bartolomé-Chavert; e Xosé Alfeirán, historiador e profesor. Tamén asistiron representantes da Asociación da Prensa da Coruña, como a súa presidenta Doda Vázquez, e da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, representada por José Luis Castro de Paz, que colaboraron en edicións anteriores.
A edición de 2026 incorpora 15 novos acontecementos respecto á anterior. Entre as efemérides recollidas figuran datas tan significativas como a primeira invasión viquinga, o 1 de agosto do ano 844, ou o recente acceso cidadán ao peirao de Batería, reflexo dun pasado diverso que combina fitos históricos, culturais, sociais e deportivos.
O formato do calendario mantén a súa estrutura habitual: unha efeméride por día, cunha redacción breve e directa que facilita a lectura diaria e converte a publicación nun obxecto de colección para moitos fogares coruñeses.
As imaxes pertencen á colección Bartolomé-Chavert, centrada na fotografía histórica da cidade ata os anos da Guerra Civil, que vén ilustrando todas as edicións desde a orixe do proxecto.
O Calendario Histórico A Coruña 2026 está xa á venda en librarías e quioscos da cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.