Tuesday 05 de August de 2025

O Certame de Habaneras celebra o seu 40 aniversario en dous espazos singulares da Coruña: a praza de María Pita e o Teatro Colón


Do mércores 6 ao sábado 9 un total de 14 corais participarán neste tradicional acontecemento das Festas de María Pita

O Certame de Habaneras, un dos eventos máis tradicionais do programa das Festas de María Pita, comeza este mércores 6 e prolongarase ata o sábado 9 coa participación dun total de 14 corais. “Este ano, para conmemorar o seu 40 aniversario, desde o Goberno de Inés Rey quixemos que os recitais se celebren en dous espazos emblemáticos da cidade: a praza de María Pita e o Teatro Colón”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Este mércores 6 e xoves 7 as actuacións serán, a partir das 19.30 horas, no Teatro Colón, con entrada de balde ata completar capacidade. O venres 8 e sábado 9 as actuacións trasladaranse á praza de María Pita, tamén ás 19.30 horas. Participarán un total de 14 agrupación corais das provincias da Coruña e Lugo. A cidadanía poderá gozar unha selección de habaneras e polifonía de primeiro nivel.

O mércores actuarán a Rondalla do Club de Campo de Ferrol, a Coral Polifónica Sagrada Familia e a Tuna de Veteranos. O xoves será a quenda de catro agrupacións: Vocal EntrElas, Coral Polifónica Sporting Club Casino, Coro de Cámara Ludus Tonalis e Coral Polifónica Canticorum.

Xa na praza de María Pita, o venres actuarán a Coral Polifónica La Antigua, a Coral Polifónica El Eco, El Acorde Secreto e A Trova Coruñesa. O certame pecharase o sábado coas tres últimas actuacións: Coral Polifónica de Bergantiños, Coral Polifónica de Meira e Coral Polifónica Follas Novas.

Deja un comentario