Tuesday 05 de August de 2025

Neda rende homenaxe ao profesor e músico Marcos Neira co cartel do festival “Noite de Bolos”


Celebrarase na véspera da Festa do Pan, o venres 5 de setembro ás 21:30 h

O seu primeiro grupo, “Cuchufellos”, volverase reunir para a cita, que inaugurará “Takikardia”, da que foi membro fundador, e pechará “Exquisitos Ghipes de Merda”, participante no seu proxecto Ray Preiland Band

O Concello de Neda presentaba o cartel da “Noite de Bolos”, e facíao arroupado pola familia do querido veciño Marcos Neira, profesor e músico que nos deixaba a finais de 2023. A el se adica a próxima edición do festival de música que precede dende hai unha década á Festa do Pan de Neda. Será unha auténtica homenaxe a Marcos Neira, e un tributo á fonda pegada que deixou en todo aquel que o coñeceu. E ese tributo guía este ano a elección dos grupos do certame, que se celebrará o venres 5 de setembro ás 21:30 horas no paseo marítimo.

“Takikardia”, da que foi membro fundador, inaugurará o festival coa súa variedade de estilos, dende as melodías balcánicas ata as pezas de música clásica, bandas sonoras e música tradicional galega e latina. Seguiralle “Cuchufellos”, o primeiro grupo no que tocou o saxo Marcos Neira, e aquel co que precisamente participaría en 2016 na “Noite de Bolos”. A formación volverá reunirse para a ocasión uns anos despois da súa disolución fiel ao seu estilo, autodenominado como speed folc -fusión de estilos como ska, pachanga e ritmos balcánicos-. E completará a noite a proposta folc-rock progresivo de “Exquisitos Ghipes de Merda”, grupo que formou parte do proxecto musical persoal Ray Preiland Band que impulsou Neira. Precisamente, o festival acollerá tamén a presentación do 3º disco da Ray Preiland Band, no que Marcos estaba a traballar.

Na presentación do cartel participaba onte a familia de Marcos Neira, coa súa muller Zoraida Abramo Ferreras, e os seus fillos Román e Éric; os seus pais Josefa Cabado Portela e Hilario Neira Martínez; os seus irmáns Nicolás e Jose, e as súas cuñadas, Sara Hinojo e María Llinás, e os seus sobriños Nicolás Neira Hinojo, e Brais e Ismael Neira Llinás e amigos da familia como Aurora e Francisco.

Deja un comentario