
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o domingo 7 de setembro
O 14 de setembro celebrarase a XII Carreira Popular Volta a Oza, que marca o retorno do circuíto Coruña Corre tras o parón de verán. A inscrición para dita carreira xa está aberta a través de www.coruna.gal/carreiraspopulares ou www.corunacorre.com. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos impulsando iniciativas que fomenten a práctica deportiva entre persoas de todas as idades como este circuíto, que percorre ao longo do ano diferentes barrios da cidade”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. O período de inscrición pecharase o vindeiro domingo 7 de setembro. As persoas inscritas no conxunto do circuíto deberán confirmar tamén a súa participación nesta proba.
A xornada de competición desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas, e abrirase coa disputa en categoría absoluta, cun percorrido de 6.250 metros que dará comezo no parque de San Diego, en dirección á rotonda de cruzamento entre a rolda de Outeiro, rúa Posse e avenida do Exército, onde se enfilará o camiño de subida cara á avenida da Pasaxe e, posteriormente, unha nova subida pola avenida da Concordia. A partir de aí, o percorrido adéntrase no barrio do Castrillón, polas rúas Alacante e José María Hernansáez, para chegar ao parque de Eirís, con volta posterior pola avenida Casanova de Eirís, pasando por diante do Centro Deportivo do Castrillón, que marca o ecuador da carreira. Desde este punto, descenso polas sendas interiores do parque de Oza, dous treitos de subida e baixada pola rolda de Outeiro e chegada final ao parque de San Diego.
Xa a continuación, a partir das 11.30 horas, comezarán as saídas progresivas das categorías inferiores, tamén desde o parque de San Diego, con percorridos que van dos 2.430 aos 150 metros en función da idade das e dos rapaces participantes.
As entregas de premios terán lugar na zona de saída e meta —ou no Polideportivo Municipal de San Diego, en caso de choiva—. Ás 11.15 horas, ás e aos atletas vencedores da proba absoluta. E xa as 13.00 horas, aos gañadores en categorías inferiores.
A recollida de dorsais terá lugar o propio domingo da competición no Complexo Deportivo Municipal de San Diego, desde as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das probas. Haberá servizo de duchas e gardarroupa no Complexo Deportivo, así como un avituallamento na liña de meta.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.