Tuesday 05 de August de 2025

A música de fusión de Alana e dúas sesións máis de Noites de cine: a primeira semana de agosto en Carballo


O venres 8 un dos grupos revelación en Galicia presenta o seu traballo “O xeito á cantigha”; e mércores e xoves, cinema en Carballo e Sísamo
O mes de agosto arrinca en Galicia con vaga de calor e en Carballo seguen as propostas do Verán Cultural para animar as noites do estío. Música e cine ao aire libre son as principais actividades previstas para esta semana no municipio. Así, o venres 8 de agosto un dos grupos revelación en Galicia, Alana, composto por tres músicos bergantiñáns: Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusión e gaita) presentan o seu primeiro disco O xeito á cantigha. A música tradicional mesturada con ritmos de base electrónica e pop é un dos seus sinais de identidade, xunto coa posta en valor das recollidas a moitas mulleres e homes que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da nosa música.

A súa proposta baséase nestas recompilacións, buscando dotarlles dun son novo e moderno sen perder a conexión coa cultura tradicional. Alana é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. No seu primeiro ano de vida foron os gañadores do Premios Xuventude Crea na categoría de música. A cita é na Praza do Concello a partir das 22.30 horas, de balde. Colabora con esta cita a Deputación da Coruña.

Cinema ao aire libre

Esta semana tamén contamos con dúas sesións do ciclo Noites de Cine e hai que lembrar que en agosto, as sesións xa teñen lugar media hora antes. O mércores 6 de agosto a praza do Chorís da capital municipal acolle a proxección da comedia familiar Amigos imaginarios. Unha nena pasa por un momento difícil e a partir de aí comeza a ver os amigos imaxinarios de todo o mundo que quedaron atrás a medida que os seus amigos da vida real foron crecendo. Protagonizada por Ryan Reynolds, Cailey Fleming ou Fiona Shaw. A cita comeza ás 22.00 horas e a película está recomendada para todos os públicos. A duración aproximada do filme é de 104 minutos.
E o xoves 7 de agosto Sísamo acolle a proxección da comedia El hotel de los líos. García y García 2. Despois de facerse cargo dun hotel deteriorado, comprado por
erro nunha poxa a un prezo exorbitante, os dous Javier Garcías embárcanse nunha nova aventura, esta vez axudados, para o seu descoido, por un grupo de nenos superdotados aloxados no hotel para asistir á Final Nacional de Talentos. Con Pepe Viyuela, Paz Padilla ou José Mota. A cita comeza ás 22.00 horas e o filme está recomendado para todos os públicos. A duración aproximada da proxección é de 90 minutos. Colabora a AAVV Santiago Apóstolo de Sísamo.

Deja un comentario