Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Galicia asina un convenio de colaboración cos concellos galegos do Camiño Francés


O acto de sinatura do dito acordo contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

A Xunta de Galicia e os alcaldes dos concellos galegos do Camiño Francés asinaron un convenio de colaboración nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

A través deste convenio, Turismo de Galicia reafirma a súa aposta pola conservación de mantemento do Camiño Francés, o itinerario máis importante e transitado das Rutas Xacobeas, cunha achega de 363.350 euros, incrementando así, a súa inversión en relación ao pasado ano.

Grazas a esta inversión, os concellos galegos polos que transcorre o Camiño Francés a Santiago levarán a cabo diversas actuacións encamiñadas ao mantemento e conservación desta Ruta Xacobea e á atención e información continuada e específica de todo o Camiño e do fito xacobeo aos peregrinos.

Así, mediante o acordo os concellos que atravesa o Camiño Francés en Galicia -Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela- comprométense a realizar as tarefas de limpeza e roza da maleza por medios manuais e a súa retirada e a adoptar todas as medidas que sexan necesarias para evitar o deterioro ou destrución do camiño.

Por outra parte, os ditos concellos levarán a cabo unha atención e información continuada e específica de todo o Camiño Francés e do fito xacobeo aos peregrinos mediante a contratación de persoal con formación en turismo e coñecementos do Camiño de Santiago entre os meses de abril a setembro –ambos incluídos-, a actualización continua da información facilitada a través das súas páxinas web e a edición de material informativo específico.