Tuesday 05 de August de 2025

San Sadurniño auditará e mellorará a rede de saneamento municipal con apoio de Augas de Galicia


O Concello de San Sadurniño acaba de confirmar a recepción dunha achega de Augas de Galicia por valor de 43.731,38 euros para coñecer o estado da rede municipal de saneamento e levar a cabo varias actuacións que axuden a mellorala. Os traballos previstos inclúen a instalación de sensores na EDAR, un sistema de detección de alivios no bombeo de cabeceira e a inspección dos condutos dos sumidoiros mediante un robot con cámara. A intervención, cun orzamento global de 48.104,52 euros e un prazo de execución de dous meses (trala adxudicación do contrato), permitirá dispoñer de datos en tempo real para optimizar o funcionamento da rede e da depuradora de Cornide, ademais de coñecer o estado xeral da infraestrutura de cara a localizar puntos que requiren reparacións ou anticipar a posibilidade de futuras incidencias.

O obxectivo principal do proxecto é detectar infiltracións de augas pluviais, así como as descargas e posibles verteduras non autorizadas que comprometan o rendemento da estación depuradora de augas residuais. Para iso, o plan contempla a instalación dunha sonda multiparamétrica na entrada da EDAR capaz de medir condutividade, temperatura, osíxeno disolto, PH, turbidez e nitratos. Estes datos serán transmitidos automaticamente e en tempo real ao sistema de xestión co que conta o Concello para facilitar o seu seguimento.

Xunto a iso, instalarase tamén un dispositivo datalogger -un equipo de medición de distintos parámetros- no bombeo de cabeceira, situado xunto ao río Grande de Xuvia, que permitirá rexistrar o número, duración e volume dos alivios ao cauce das augas xa tratadas. Esta información tamén se integrará no sistema de control da rede “para proporcionarnos información inmediata sobre o funcionamento da rede que nos axude na toma de decisións sobre obras ou melloras que precise a infraestrutura”, explica Secundino García Casal.

Outra das actuacións clave do proxecto será a inspección de varios tramos da rede de saneamento mediante un robot equipado con videocámara e sistema de xeorreferenciación. Este aparello permitirá detectar fisuras, infiltracións, raíces, depósitos e outras anomalías estruturais. “Miraremos por dentro toda a rede para coñecer cal é o seu estado. Coa cámara veremos incidencias actuais, que quedarán rexistradas en vídeo e con coordenadas xeográficas, pero tamén poderemos anticipar futuros problemas e atallalos na medida do posible antes de que se produzan. Ademais tamén poderemos ver roturas na rede de abastecemento que estean vertendo nos sumidoiros”.

As zonas prioritarias para esta inspección serán o tramo da estrada AC-862 desde a rotonda do Outeiro ata a saída de San Sadurniño, a avenida Marqués de Figueroa e os primeiros 100 metros da DP-7603. O informe final destas inspeccións “será determinante para planificar investimentos futuros orientados a minimizar as infiltracións e garantir unha mellor xestión do sistema”, explica o alcalde.

Este proxecto, redactado pola empresa Inxenium Sostible SCP, está orzamentado en 48.104,52 euros, dos cales Augas de Galicia achegará 43.731,38 euros a través dunha subvención directa. O prazo de execución do proxecto é de dous meses como máximo trala adxudicación do contrato.

Deja un comentario