Monday 04 de August de 2025

A choiva de estrelas das perseidas chega un verán máis á Casa das Ciencias


Do 9 ao 17 de agosto as sesións de planetario, excepto a infantil das 17 horas, dedicarán uns minutos para explicar como ver esta choiva de estrelas estival

As perseidas son unha das mellores choivas de estrelas do ano, especialmente nas nosas latitudes, xa que teñen lugar nunha época na que a probabilidade de ceos despexados é especialmente alta en Galicia. Por iso, como cada verán, o planetario da Casa das Ciencias dedicará nas súas sesións do sábado 9 ao domingo 17 de agosto, excepto na infantil das 17:00, uns minutos extra para dar recomendacións sobre como observalas. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a achegar á cidadanía unha rica e variada oferta de actividades nos nosos Museos Científicos, con sesións de grande interese que buscan facer do coñecemento algo entretido e singular”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Para gozar das perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lorenzo, non se precisan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin se requiren coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste. Iso si, todas as súas traxectorias parecen xurdir da constelación de Perseo (de aí o seu nome) que emerxe polo horizonte en dirección nordeste pasada a media noite.

Esta choiva de estrelas non é outra cousa que diminutos restos do cometa Swift-Tuttle que, cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade, deixando ao seu paso un rastro luminoso que pode chegar a durar varios segundos. Producen, no seu momento de maior intensidade, uns 100 meteoros por hora, pero a probabilidade de velos dependerá tanto de que esteamos nun lugar o suficientemente escuro como da fase da Lúa, xa que o brillo do noso satélite ilumina o ceo e impídenos ver os meteoros máis débiles.

Este ano o máximo das perseidas producirase na noite do 12 ao 13 de agosto, coincidindo coa Lúa case chea, o que dificultará a observación. Nestas condicións, o máis recomendable é situarse nun punto no que algún obstáculo (muro, árbore…) bloquee a luz directa do noso satélite.

Tamén é importante lembrar que as perseidas duran varios días, e que podemos aproveitar as primeiras horas das noites posteriores ao máximo, antes da que a Lúa saia polo horizonte. E se este ano non vemos tantas estrelas fugaces como desexariamos basta con esperar ao ano que vén, porque o 12 de agosto do 2026 teremos unha eclipse total de Sol que pasará por parte de Galicia e, por tanto, o máximo das perseidas coincidirá con Lúa nova, con noites moito máis escuras e contrastadas.

Deja un comentario