Monday 04 de August de 2025

O Concello está a executar máis de 800.000 euros en investimentos de mellora nos centros educativos da Coruña


Inés Rey e Juan Ignacio Borrego supervisaron hoxe as actuacións executadas no CEIP Víctor López Seoane, en Monte Alto, onde se completou a remodelación da pista multideporte e do peche perimetral

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, supervisaron esta mañá as melloras executadas polo Concello na pista multideporte do CEIP Víctor López Seoane, xa remodelada e renovada tras varios meses de traballo sobre a superficie de xogo.

Tal e como apuntou a rexedora, as actuacións arrincaron coa demolición do antigo firme da pista, renovado a posteriori coa disposición dun novo pavimento. A esta actuación sumouse, ademais, a instalación dun novo peche da parcela no sector norte do colexio, así como a substitución dos pechamentos laterais, unha medida necesaria ante a oxidación dos valados, por mor do paso do tempo, o impacto da salinidade e a meteoroloxía adversa.

Inés Rey e Juan Ignacio Borrego puxeron en valor esta actuación, que supuxo un investimento de máis de 260.000 euros, e coincidiron en destacaren a colaboración e interacción constante entre o Concello e os centros educativos da cidade para lles dar resposta e buscar solucións ás necesidades específicas de cada un deles.

Isto foi o que motivou, por exemplo, a recente cesión a este colexio de Monte Alto dun espazo de aproximadamente 100 metros cadrados, aproveitando unhas antigas instalacións do persoal de conserxería. “Estas instalacións foron acondicionadas por operarios dos obradoiros municipais de emprego. Desta forma, no curso que vén xa poderán usarse como zona de descanso para os/as máis pequenos/as, tamén para actividades extraescolares”, explicou a alcaldesa.

Máis de 800.000 euros de investimento en traballos en curso este verán

As melloras CEIP Víctor López Seoane destacan dentro do abano de investimentos en centros educativos que o Concello da Coruña xa completou nestes meses de verán ou que prevé rematar no contexto da tempada estival.

En total, son máis de 800.000 euros en actuacións de mellora repartidas entre 13 centros educativos da cidade: son os CEIP Víctor López Seoane, Cidade Vella, Rosalía de Castro, Zalaeta, Labaca, Emilia Pardo Bazán, Salgado Torres, Raquel Camacho, María Pita, Manuel Murguía, Torre de Hércules, Sagrada Familia e Curros Enríquez.

Algunhas intervencións, como a da pista multideporte do Víctor López Seoane, xa finalizaron. Outras, están en curso. Entre as máis relevantes, polo cariz das medidas e polo seu orzamento, destacan a instalación eléctrica do CEIP Curros Enríquez (150.000 euros),a mellora da accesibilidade no CEIP María Pita (150.000 euros), a renovación da área de xogos infantís do CEIP Emilia Pardo Bazán (62.700 euros) e a substitución do peche perimetral do CEIP Zalaeta (42.000 euros), que arrincará previsiblemente en setembro.
“Escoitar os centros educativos da cidade e as súas demandas forma parte do noso compromiso coa comunidade docente, as familias e o alumnado. Cómpre non esquecelo porque o Concello sempre estará apoiará unha educación pública e de calidade, e iso esixe atender as infraestruturas e necesidades dos colexios. Agardamos que a Xunta tamén o teña claro e achegue o seu gran de area neste sentido”, dixo Rey.

A alcaldesa apuntou que “as melloras nestes centros educativos da Coruña son froito da colaboración entre áreas municipais como Educación, Edificación e Infraestruturas”, e agradeceu o traballo conxunto entre as concellarías e os servizos implicados.

Deja un comentario