
A Coruña volveu a representar a cultura galega no evento de folclore máis importante do mundo
O Concello da Coruña volveu a estar presente, por segundo ano consecutivo, no Festival Intercéltico de Lorient, o evento de folclore máis importante do mundo, que cada ano rexistra cifras de asistentes superiores ás 900.000 persoas. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou en diferentes encontros profesionais e institucionais durante o festival e visitou o espazo co que A Coruña representa a cultura galega na ‘Place des Pays Celtes’, onde se promociona tanto a cidade a nivel turístico como o seu sector cultural e o relacionado coa música e o baile tradicionais galegos.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a poñer en valor a cultura galega e buscamos novas vías de colaboración con certames como o Intercéltico de Lorient, que supón un escaparate cultural e tamén turístico para A Coruña”, indicou Gonzalo Castro. No marco da presenza galega no Festival Intercéltico de Lorient, tivo lugar unha reunión institucional entre Castro e o director do Festival Intercéltico, Jean Philippe Mauras. O encontro desenvolveuse nas instalacións do estadio Stade du Moustoir, espazo central da organización do festival.
Acompañados por membros da delegación galega, ambos responsables intercambiaron impresións sobre o papel da cidade da Coruña dentro da representación galega e valoraron novas vías de colaboración institucional e cultural para a edición de 2026.
Durante a reunión abordouse tamén a proxección internacional do festival como escaparate da identidade celta e a oportunidade que supón para Galicia e A Coruña afondar nos lazos históricos e culturais con Bretaña e co resto das nacións celtas. O director do festival, JeanPhilippe Mauras, expresou o seu interese en consolidar a presenza galega e avanzar cara a proxectos conxuntos en futuras edicións. Pola súa parte, Gonzalo Castro agradeceu a acollida e subliñou “a importancia de participar activamente nun evento que une cultura, lingua e identidade a nivel internacional”. Esta reunión supón un primeiro paso cara á creación de sinerxías estables entre o Concello da Coruña e a organización do festival, co obxectivo de ampliar a visibilidade da cultura galega e favorecer o intercambio entre territorios celtas
Por outra banda, tamén se celebrou un acto institucional de presentación da cidade ante todas as delegacións dos países celtas na ‘Place des Pays Celtes’, que estivo amenizada por unha actuación de músicos. A delegación galega encabezada por Gonzalo Castro tamén tivo unha recepción institucional na casa consistorial de Lorient, na que estivo presente o alcalde da localidade francesa, Fabrice Loher. Ademais de Castro, tamén estivo presente o delegado galego do Festival, Pablo Seoane, e houbo unha intervención musical do grupo O Fiadeiro. Castro fixo entrega a Loher dunha camiseta do Real Club Deportivo que conta coa simboloxía da bandeira celta.
O Festival Internacional de Lorient, que se celebra do 1 ao 10 de agosto, acolle cada ano a representantes de todas as nacións celtas, que mostran a súa tradición cultural a través de diferentes actos. Este ano, o foco está posto na mocidade, en visibilizar o potencial dos novos talentos e tamén aquelas iniciativas culturais e entidades que se dedican a transmitir da cultura entre os máis novos. A Coruña é a segunda vez que participa neste festival, logo da súa presenza activa na edición de 2024.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.