
Maniños, Perlío e Barallobre competirán nun triangular con entrada de balde e premios en material deportivo para os tres equipos participantes
A alcaldesa, Sandra Permuy, e a concelleira de deportes, Alba García, participaron no acto de presentación xunto con representantes dos tres clubs locais
O campo da SD Barallobre acollerá este sábado 9 de agosto a segunda edición do Trofeo de Fútbol Concello de Fene, un triangular amigable no que participarán os tres equipos de referencia do concello: Cultural Maniños SD, CCRD Perlío e SD Barallobre. O evento comezará ás 18.30 horas e contará con entrada libre para todas as persoas asistentes.
Na presentación oficial, que tivo lugar no Salón de Plenos municipal, participaron os representantes dos tres clubs: Alfredo Fernández (Maniños), José Augusto Borreiros (Perlío) e Víctor Domínguez (Barallobre), acompañados pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de Deportes, Alba García.
O formato do trofeo será en tres encontros curtos, que se disputarán ás 18.30, 19.30 e 20.30 horas. Os premios consisten en vales para material deportivo: 700 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro.
Durante o acto, a alcaldesa Sandra Permuy subliñou “a importancia de seguir fomentando o deporte local e recoñecer a labor que fan os clubs ao longo de todo o ano. Este trofeo non só é unha festa do fútbol, senón tamén unha mostra do compromiso do Concello co asociacionismo deportivo e coa cohesión social”.
Pola súa banda, a concelleira de deportes, Alba García, destacou que “con esta segunda edición consolídase unha cita que naceu coa vontade de recoñecer a traxectoria dos clubs históricos de Fene e reforzar a colaboración institucional. Queremos que sexa un trofeo participativo, con bo ambiente e que sirva tamén de preparación para o inicio da tempada”.
O II Trofeo Concello de Fene rotará cada ano entre os campos dos equipos participantes. Nesta ocasión, será o campo da SD Barallobre o que acolla os partidos e o público afeccionado que, unha vez máis, poderá desfrutar dunha tarde de deporte, convivencia e fútbol con sabor local.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.