
Os primeiros 22.000 folletos están xa dispoñibles nas oficinas de turismo, edificios municipais, aloxamentos e restaurantes dos municipios que integran o Xeodestino Terras de Santiago
O Xeodestino Terras de Santiago vén de editar os seus primeiros mapas turísticos, que inclúen un compendio das excelencias e atractivos dos 11 concellos que o integran: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra. Uns folletos informativos que xa están dispoñibles de forma gratuíta nas oficinas de turismo, edificios municipais, aloxamentos e restaurantes do xeodestino.
“É a primeira vez que se difunde material informativo ou promocional coa nova imaxe do Xeodestino Terras de Santiago”, resalta José Antonio Marcote, voceiro da entidade, quen explica que estes mapas turísticos “conteñen información sobre os elementos patrimoniais de interese, o trazado dos Camiños de Santiago que atravesan o territorio e tamén sobre as datas e localización das feiras e mercados de proximidade, xa que estamos convencidos de que o sector primario e a calidade, frescura e autenticidade que lle outorgan á nosa gastronomía son unha das máis grandes fortalezas da nosa proposta turística ao visitante”.
De feito, compre lembrar que a primeira acción promocional organizada polo Xeodestino Terras de Santiago o pasado mes de maio, denominada “O fío verde”, tivo precisamente como obxectivo poñer en contacto a produtores locais de horta ecolóxica, queixo, pasta fresca e produtos cárnicos con restauradores e empresas de catering da contorna. Os mercados promovidos nesta iniciativa son tanto de periodicidade semanal (Bertamiráns, Brión, Negreira, Padrón ou Os Tilos) como máis esporádica (A Baña, Lestedo, Santa Comba, Val do Dubra ou Vedra).
Camiños Xacobeos
Ademais, estas terras contan cun gran patrimonio artístico e monumental, pois non en van ata cinco Camiños de Santiago vertebran este xeodestino dotándoo de múltiples pegadas da cultura xacobea. Falamos da Vía da Prata, que atravesa os municipios de Boqueixón e Vedra; do Camiño Portugués, que chega a Compostela a través de Padrón, Rois e Teo; o Camiño de Fisterra Muxía, que percorre Ames, Negreira e Santa Comba; a Ruta do Mar de Arousa, que remataba historicamente en Padrón; e o Camiño da Ría de Muros Noia, que atravesa Rois, Brión e Ames.
O paso dos peregrinos por estas terras deixou tras de si unha estela de manifestacións artísticas, arquitectónicas e culturais que fan deste xeodestino un mundo de posibilidades para as persoas interesadas na cultura xacobea, con numerosos elementos identificados nestes mapas turísticos tales como O Pedrón, o convento de Herbón ou a igrexa de Santa María a Maior en Padrón, ata o Pico Sacro de Boqueixón, un magnífico enclave natural envolto en múltiples lendas.
Patrimonio e natureza
Un patrimonio relixioso ao que se suma unha rica arquitectura civil. Dende fortalezas como as Torres de Altamira ata fermosos pazos (como os de Cotón, Santa Cruz de Ribadulla, O Faramello ou A Peregrina), pasando por antigas e singulares pontes como as de Pontemaceira e Pontevea, ou elementos megalíticos como a Pedra do Home.
E todo sen esquecer as máis espectaculares paraxes naturais, que nestes mapas turísticos céntranse especialmente nas áreas recreativas de cada municipio e nas numerosas fervenzas que se poden visitar no xeodestino, tales como a de Castriz (Santa Comba), a do Pozo Negro (Brión), as do río Tella (Teo), a do Pereiro (Vedra), a de Codeso (Boqueixón) ou a do Rexedoiro (Val do Dubra).
Estes mapas turísticos foron editados polo Xeodestino Terras de Santiago en colaboración con Turismo de Galicia. O seu principal obxectivo é servir como primeira canle de comunicación entre a persoa visitante e o seu destino, achegándolles información útil para a súa visita. Unha información que proximamente verase reforzada con outras accións en marcha, como a posta en marche dunha canle a través de Internet que ofrecerá información puntual e actualizada sobre os servizos e axenda de actividades lúdicas, culturais e sociais que se desenvolven nos once concellos da contorna.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.