Monday 04 de August de 2025

O Concello de San Sadurniño subvenciona con 6.000 euros a actividade da Escola de Fútbol Irmandiños


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Escola de Fútbol Irmandiños, Alberto Todosantos Serantes, asinaron hai uns días un novo convenio de colaboración económica que permitirá ao club continuar co seu labor formativo ao longo do ano 2025. O acordo, rubricado nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Manel Martínez Pérez, inclúe unha achega municipal de 6.000 euros e recolle os compromisos mutuos entre a administración local e a entidade deportiva para fomentar a práctica do fútbol base no ámbito comarcal.

O acordo suscrito establece que a colaboración se dirixe ao financiamento dos gastos correspondentes ao fomento do deporte e a participación da escola nas competicións federadas nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e xuvenil, xunto coa “formación educativa a nivel deportivo, social e en materia de hábitos saudables”. Un cometido que implica múltiples gastos de materiais, monitoraxe, fichas, arbitraxes, etc.

O importe consignado polo Concello de San Sadurniño -6.000 euros- farase efectivo no momento en que a entidade achegue a xustificación dos gastos efectuados así como a memoria das actividades realizadas e os resultados obtidos. As facturas, resgardos de transferencias e outra documentación xustificativa teñen que presentarse antes do remate do ano, aínda que todo apunta a que non será necesario esgotar ese prazo e que a escola faga o trámite tan pronto como dispoña en gastos xustificables o sumatorio total da subvención, de modo que o consistorio tamén poderá ingresarlles antes a cantidade comprometida.

No convenio da subvención nominativa sinálase, ademais, que a Escola de Fútbol Irmandiños deberá reflectir na súa comunicación o apoio municipal -incluída a participación no Xeoparque do Cabo Ortegal-, empregar o galego e promover a igualdade e a inclusión. A este respecto indícase a participación da entidade nas campañas desenvolvidas por parte do Concello en materia de promoción da igualdade e da prevención de violencia de xénero.

O concelleiro de Deportes, Manel Martínez, subliñou a relevancia deste tipo de acordos para asegurar a continuidade do deporte base: “A EF Irmandiños é unha entidade cunha clara vocación comarcal, e desde o Concello temos tamén moi claro que é fundamental apoiala para garantir que nenas e nenos da zona poidan iniciarse e medrar no deporte. O noso compromiso é tamén co futuro do fútbol base na comarca, xunto cos concellos de Cerdido, Moeche e As Somozas, que tamén colaboran coa entidade”.

Os adestramentos da escola concéntranse no campo municipal dos Currás, en San Sadurniño, mentres que os encontros ligueiros en cada categoría repártense polos catro estadios do ámbito territorial da escola.

Ademais das achegas dos catro municipios implicados -San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido- a Escola de Fútbol Irmandiños conta con varios patrocinios da comarca e tamén se sostén coas cotas das familias.

A escola ten abertas as preinscricións para a nova tempada, nas que xa están anotadas preto de 90 nenas e nenos en seis equipos, desde prebenxamíns ata a categoría cadete. Un número que se prevé que aumente a partir de setembro coa incorporación de novas fichas e o arranque oficial da actividade. As familias que queiran sumarse ao proxecto poden contactar coa escola no correo efirmandinos@gmail.com ou no teléfono 667 553 229.

Deja un comentario