Sunday 03 de August de 2025

Marta Villaverde destaca que a Festa do Mexillón de Rianxo sitúa a gastronomía local e o tecido asociativo deportivo como aliados na economía azul


— Apoiado pola campaña GALICIA SABE AMAR, este evento pon en valor a toda a cadea mar-industria e ao sector da miticultura que en 2024 facturou 128,6M€

— Desde 2023, e a través do Fempa, Mar dirixiu ao impulso da actividade pesqueira desta localidade máis 3,1M€

— Este investimento compleméntase coa acción de Portos de Galicia no mesmo período que, sumado ao que prevé executar proximamente, ascende a 6,7M€

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na XIV Festa do Mexillón de Rianxo, organizada pola Asociación Gastronómico Cultural da Festa do Mexillón de Rianxo e o Club de Remo Rianxo, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través do departamento que dirixe Villaverde. Deste xeito, ao longo desta fin de semana esta localidade mariñeira volveu latexar a ritmo do mar e da degustación deste bivalvo con profundo sabor a batea e a espírito mariñeiro.
O mexillón de Galicia, cultivado maioritariamente nas rías de Arousa e Muros-Noia, non só se considera un dos piares da dieta atlántica, senón que representa unha base sólida da economía local, destacando que a súa facturación no 2024 ascende a 128,6 millóns de euros. Así o expuxo a responsable autonómica, destacando que eventos coma este teñen un dobre impacto: divulgan o valor do produto entre locais e visitantes, e reforzan o vínculo entre a comunidade e o seu mar.

Apoiada pola campaña GALICIA SABE AMAR, en colaboración con outras entidades como Opmega ou o selo Galicia Calidade, esta cita consolídase como un instrumento de visibilización, educación e promoción do consumo responsable dos produtos mariños, poñendo en valor a toda a cadea mar-industria: desde os bateeiros ata as lonxas, pasando polas conserveiras e os profesionais de restauración.

Colaboración da Xunta
O apoio do Goberno galego a este festexo é un exemplo do compromiso inversor que a Consellería do Mar ten con esta confraría e, en consecuencia, coa vila mariñeira. Así, no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), este departamento leva dirixidos desde 2023 a impulso da actividade pesqueira de Rianxo máis de 3,1 millóns de euros, investimento que se engade ao realizado no mesmo período por Portos de Galicia e que supera os 3 millóns de euros.

Asemade, no marco desta colaboración institucional este ente público tamén ten previsto mellorar proximamente a operatividade do porto e das instalacións náutico-deportivas. Este dous proxectos suman un investimento de preto de 3,7 millóns de euros.

Deja un comentario