Saturday 16 de November de 2024

O gasto dos turistas estranxeiros aumentou en Galicia preto dun 20% ata setembro


O gasto dos turistas internacionais superou en Galicia os 695 millón de euros nos nove primeiros meses do ano

O gasto dos turistas internacionais alcanzou en Galicia os 695.220.788 euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un aumento do 19,6% con respecto ao mesmo período de 2013, segundo as cifras proporcionadas pola enquisa de gasto turístico Egatur elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio, mantense, por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.

No mes de setembro, os turistas internacionais gastaron en Galicia 105.627.220 euros, o que supón un 26,5% máis que no mesmo mes do ano anterior.

En canto ao gasto medio por turista, nos nove primeiros meses do ano, foi de 855,01 euros. Mentres que no mes de setembro a cifra ascende a 912,24 euros.

Francia, Portugal e Reino Unidos son, por esta orde, os países que xeraron un maior gasto total en Galicia nestes primeiros nove meses de 2014 –co 19%, 13% e 12% do total, respectivamente-. Son, ademais, os países que presentan un crecemento máis intensivo do gasto total en relación ao mesmo período do pasado ano, con crecementos do 16% no caso de Francia e do 11% no caso de Portugal e Reino Unido.

A nivel nacional, o gasto dos turistas internacionais alcanzou os 50.641 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un aumento do 7,3 por cento con respecto ao mesmo período de 2013. O gasto medio diario aumentou un 0,2 por cento, ata 108 euros, nestes primeiros nove meses do ano.

No mes de setembro, os turistas internacionais gastaron 7.057 millóns de euros, o que supón un 6,8 por cento máis que no mesmo mes do ano anterior, cun gasto medio por turista de 1.005 euros e un gasto diario de 114 euros.

O gasto total realizado en Galicia supuxo en Setembro o 1,5% do total realizado no conxunto de España, e o 1,4% no acumulado do ano.

Máximos históricos de turismo internacional para Galicia
O turismo internacional rexistrou en Galicia unha mellora importante no mes de setembro, con incrementos de notable intensidade –do 23% a cifra de viaxeiros aloxados e do 17% as pernoitas- acadando así máximos históricos tanto en volume –con algo máis de 150.000 viaxeiros e 230.000 pernoitas- como en peso no conxunto da demanda –supón o 35% do total de viaxeiros aloxados e o 28% das pernoitas-.

En canto ao acumulado do ano, o turismo internacional acadou tamén un dato histórico de viaxeiros aloxados –superando por vez primeira o nivel dos 800.000 neste período de nove meses-, de pernoitas –con preto de 1,3 millóns- e de peso no conxunto da demanda –co 28% dos viaxeiros e o 23% das pernoitas acumuladas-.