Sunday 03 de August de 2025

A Xunta financia con máis de 53.000 euros a ampliación do Centro Residencial San José en Betanzos, que dá servizo a unha vintena de maiores


O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que o Executivo galego aposta por un modelo no que os maiores poidan escoller onde e como pasar esa etapa das súas vidas

 

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou a ampliación da residencia San José da Fundación Raiola en Betanzos, que grazas a esta reforma, na que a Xunta de Galicia investiu máis de 53.000 euros da convocatoria de axudas do IRPF, dá servizo a unha vintena de maiores.

 

Antón Acevedo sinalou que as residencias de maiores son o segundo fogar dos usuarios que deciden ser atendidos nestes recursos específicos baixo o coidado de profesionais cualificados que poden dar resposta a cada unha das súas necesidades. Así, tamén fixo fincapé en que o seu traballo é fundamental tamén no eido persoal, acompañando ás persoas maiores e facendo ameno cada día.

 

Nesta liña, o director xeral lembrou que o Executivo galego mantén unha estreita colaboración co tecido asociativo, co obxectivo de mellorar a vida das persoas que máis o precisan. Por iso, destacou o apoio da Xunta á Asociación Galega de Residencias de Iniciativa Social. En concreto, grazas a esta colaboración, este centro da Fundación Raiola en Betanzos obtivo nos dous últimos anos algo máis de 70.000 euros de axudas do IRPF para programas de mellora da calidade de vida dos usuarios, como a musicoterapia.

 

Ademais, o director xeral explicou que a Xunta de Galicia aposta por un modelo de coidados no que os maiores teñan a posibilidade de escoller onde e como queren ser coidados. Deste xeito, lembrou que se están impulsando diferentes medidas como a creación do Bono Coidado no fogar ou a posta en marcha de programas específicos de envellecemento activo.

Deja un comentario