
A concelleira de Medio Ambiente visitou ás persoas participantes nas actividades que se desenvolven na praia de Oza
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, acompañada de Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, visitou esta semana na praia de Oza as persoas participantes da actividade ‘Axuda en Praia’, do programa Esforza Verán, das incluídas no proxecto de lecer inclusivo que realiza a Fundación desde hai 18 anos e polo que pasaron máis de 8.000 persoas.
“O programa Esforza é un máis dos múltiples proxectos e actividades nas que o Concello vai da man coa Fundación María José Jove para traballar pola inclusión na nosa cidade”, sinalou Neira, quen destacou “a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades privadas para chegar a máis persoas de forma máis eficaz”. Neira recordou tamén que a actividade forma parte das política inclusivas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey nos últimos anos.
Esforza Verán é un programa de actividade física saudable dirixido a persoas con e sen discapacidade que, con independencia das súas particularidades, desexan mellorar a súa calidade de vida a través de actividades deportivas. Esforza Verán 2025 oferta tres actividades no medio natural: vela, piragüismo inclusivo e o programa ‘Axuda en Praia’.
Este último desenvólvese no areal de Oza do 26 de xuño ao 12 de setembro e permítelles aos usuarios e usuarias gozar do lecer cotián de ir á praia, tomar o sol ou bañarse no mar co apoio de persoal técnico da Fundación María José Jove, que lles facilita o acceso ao areal e ao mar ás persoas usuarias do programa, a través de ramplas, antucas e cadeiras anfibias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.