
• A portavoz popular, Izaskun García, acusa o goberno de Rioboo de ameazar á oposición porque non asume a súa responsabilidade nin sabe xestionar a súa derrota política: “A distorsión da realidade é tal que, #ante unha sentenza condenatoria por actos do goberno local aquí non dimite ninguén e ademais culpan a quen nada teñen que ver”
O Partido Popular de Culleredo defendeu hoxe de novo o seu voto en contra do modificativo de crédito presentado no pleno do xoves polo goberno municipal para afrontar a sentenza xudicial que condena ao Concello a pagar 1,3 millóns de euros por incumprir o convenio urbanístico para a obtención de Villa Melania. Esta decisión, lonxe de responder a intereses partidistas –como sinalou o goberno local–, responde á necesidade de asumir responsabilidades políticas por parte do equipo de goberno, por non ser capaces de aprobar a novo PXOM e mantelo bloqueado durante anos. Por este motivo, o PP solicitou no pleno a dimisión inmediata da concelleira de Urbanismo ou o seu cesamento por parte do alcalde, José Ramón Rioboo. “Houbo unha xestión neglixente. Non se pode seguir adiante sen depurar responsabilidades políticas”, afirma a portavoz popular, Izaskun García.
O PP recoñece a obrigatoriedade de executar unha sentenza xudicial firme, pero lembra que esa obrigación recae sobre o equipo de goberno, “non sobre os concelleiros da oposición”. “Votar con liberdade non é desacato, é democracia”, sinala Izaskun García. Neste sentido, os populares denuncian que o goberno de Rioboo pretende agora desviar o foco responsabilizando á oposición de erros que son froito da súa mala xestión e lanzando ameazas de “consecuencias xurídicas” porque non asume a súa responsabilidade nin sabe xestionar a súa derrota política. “A distorsión da realidade é tal que, #ante unha sentenza condenatoria por actos do goberno municipal, aquí non dimite ninguén e ademais culpan a quen nada teñen que ver”, sinala García.
A portavoz popular critica, ademais, que o goberno local tente afrontar o pago dos 1,3 millóns de euros a través dun crédito extraordinario do remanente, é dicir, dos fondos dos veciños, xa que os orzamentos están prorrogados desde 2023, o que evidencia, segundo a portavoz popular, “unha preocupante improvisación e desorganización económica”. Por iso, o PP volve condicionar o seu apoio á depuración de responsabilidades políticas e á aprobación urxente duns orzamentos que permitan afrontar con rigor a situación económica do municipio.
Izaskun García advirte, ademais, de que o fallo xudicial por Villa Melania non é o primeiro que golpeou as arcas municipais (o Concello tivo que pagar xa 1,5 millóns de euros polo caso do Colexio Ría do Burgo e, en 2023, dúas novas sentenzas condenaron ao goberno de Rioboo por convenios incumpridos na ampliación da Casa do concello e os terreos do paseo do río Trabe) nin será o último: “Sabemos que virán máis sentenzas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.