Sunday 03 de August de 2025

A Xunta resalta o valor da olería de Buño como exemplo de preservación artesanal e proxección de futuro


― O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a 40 edición da Mostra da Olería de Buño, que se celebra ata o domingo

― O Executivo autonómico promove desde 2023 o relevo xeracional neste oficio a través do programa Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, cunha oferta formativa especializada impartida polo artesán Antonio Pereira ´Rulo´

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na visita institucional á cuadraxésima edición da Mostra da Olería de Buño, un dos principais referentes da olería tradicional en Galicia e núcleo activo de creación e transmisión deste oficio.

Durante o acto, destacou a relevancia desta feira como unha das citas monográficas máis consolidadas do calendario artesanal galego, así como o papel de Buño como espazo de recoñecemento á tradición e de impulso a novas xeracións de oleiros. Nese sentido, salientouse o labor que se está a desenvolver a través do programa Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta co obxectivo de garantir a continuidade e a evolución do sector artesanal galego.

A Mostra de Olería de Buño celébrase ata mañá domingo en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, no Parque García Alén. Entre as novidades que incorpora esta edición atópanse as demostracións de olería e os talleres de barro para nenos. Entre os artesáns que participan nesta 40 edición, participan oleiros de Buño que forman parte da marca Artesanía de Galicia como Alfarería Rulo, Alfarería Aparicio, O Falsete ou Obradoiro Cambón, así como Risco Estudio (A Coruña).

Na programación do evento, organizado pola Asociación Oleira de Buño coa colaboración da Deputación da Coruña e as entidades O Quinteiro de Buño e Terras de Buño, inclúense tamén espectáculos musicais, faladoiros e animación para todos os públicos.

Remuda xeracional
Desde 2023, a olería de Buño é un dos focos principais do programa Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, unha iniciativa formativa promovida pola Xunta para fomentar a recuperación dos oficios tradicionais, facilitar o relevo xeracional e profesionalizar o sector.

Neste tempo, impartíronse en Buño dos cursos de formación —Formas tradicionais da olería de Buño, entre decembro de 2023 e abril de 2024, e Perfeccionamento de técnicas tradicionais da olería de Buño, dende outubro de 2024 a marzo de 2025— e está previsto continuar coa formación especializada nesta olería tradicional.

Os cursos estiveron impartidos polo oleiro Antonio Pereria “O Rulo”, artesán con máis de 40 anos de traxectoria que combina as formas tradicionais con esmaltes axustados ás novas tendencias. Nos últimos anos, está a colaborar con prestixiosos cociñeiros, con grandes marcas como Loewe ou Zara Home, e as súas pezas chegan a países como Suíza ou Xapón. Dende o ano 2023 preside a Asociación Olería de Buño e o pasado mes de xuño, foi recoñecido cun dos Premios de Honor da Asociación Española de Ciudades de la Cerámica.

Os obxectivos específicos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas son capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos; facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas; fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais.

Unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

Deja un comentario