Saturday 02 de August de 2025

A novena edición de Galicia Magic Fest celebrarase o 27 e 28 de decembro no Teatro Colón


O evento contará con algúns dos mellores ilusionistas do mundo

A novena edición do Festival Internacional de Ilusionismo de Galicia, coñecido como Galicia Magic Fest, celebrarase os días 27 e 28 de decembro no Teatro Colón da Coruña. As entradas para este evento xa están á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense e de Ataquilla.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por eventos de grande éxito nos nosos espazos culturais, como é o caso desta gala de ilusionismo que enche o Teatro Colón cada Nadal”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O evento contará con algúns dos mellores ilusionistas do mundo nunha gala internacional única con magos de diferentes países que contan cos premios máis prestixiosos do sector.

O ilusionista galego Pedro Volta é o director e ideólogo desta gala e formará parte do elenco desta edición xunto a Juliana Chen, Stuart Macdonad, Mirko Callaci e Magus Utopia. Volta foi finalista do programa televisivo Got Talent España e exerce desde os seus inicios como mestre de cerimonias deste espectáculo.

Juliana Chen (Canadá/China) é a primeira muller na historia en gañar o Gran Premio FISM, o denominado Oscar da maxia. A súa manipulación é un ballet de ilusións, cunha precisión e beleza que che deixarán sen alento. Pola súa banda, Stuart Macdonald (EEUU) é recoñecido pola súa mestura de humor e maxia e foi recoñecido co prestixioso premio Penn & Teller Fool Us e dous FISM.

O arxentino Mirko Callaci é coñecido como o Mestre da Maxia Universal polo seu dominio do ilusionismo. Tamén é gañador do FISM e dos cobizados premios Mandrake d’Or de París e o León de Ouro de Siegfried & Roy. A súa presenza escénica e a súa capacidade para transformar a realidade caracterízano sobre as táboas. Por último, tamén participarán nesta edición Magus Utopia (Países Baixos), unha compañía que redefiniu o ilusionismo, converténdose nunha sensación global co seu paso por Britain’s Got Talent. Cunha impoñente troupe de 12 artistas no escenario, o seu show é unha explosión de fantasía, teatro, efectos visuais monumentais e pura maxia.

Deja un comentario