Saturday 02 de August de 2025

A campaña contra os comportamentos incívicos de donos de animais remata con 73 sancións


Tras finalizar a fase informativa o Concello intensificou os controis durante o último mes para sancionar a aquelas persoas que non recollen as deposicións dos cans

O Concello da Coruña pon hoxe fin á campaña municipal dirixida a combater os comportamentos incívicos relacionados coa tenza de animais, cun balance de 73 sancións tramitadas pola Policía Local. A acción centrouse de forma especial no incumprimento da obrigación de recoller as deposicións caninas, unha conduta tipificada como infracción na Ordenanza municipal de protección e tenza de animais.

A campaña arrancou cunha fase informativa na que se distribuíron 10.000 dispensadores de bolsas e 5.000 botellas para diluír os ouriños, xunto con accións de concienciación en parques e espazos públicos. Unha vez finalizado ese período, durante o último mes intensificouse a vixilancia e aplicouse o réxime sancionador recollido na normativa.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, destacou que “esta campaña permitiu actuar contra comportamentos incívicos que afectan ao coidado da cidade e á convivencia.
A maioría da veciñanza cumpre coas normas, pero é importante lembrar que a limpeza dos espazos comúns é unha responsabilidade compartida”.

As infraccións foron detectadas maioritariamente en zonas de gran afluencia e en horarios de maior tránsito, e as sancións aplicadas poden chegar ata os 500 euros.

Co peche da campaña este venres, finaliza o operativo extraordinario de control. Non obstante, desde o Concello sublíñase que a Ordenanza municipal de protección e tenza de animais segue plenamente vixente e que a Policía Local continuará realizando labores de vixilancia para controlar e sancionar condutas incívicas como non recoller os excrementos dos cans ou non levar a botella para limpar os ouríns, un feito que tamén se sanciona.

Recoller as deposicións e limpar os ouríns son obrigas legais e tamén un compromiso co benestar común e a imaxe da cidade.

Deja un comentario