
O cruzamento entre as rúas Viñas de Babilonia e Dolores Ibárruri, en Santa Cruz, mellorou recenetemente a súa seguridade viaria e a accesibilidade cun novo deseño pensado para a protección das persoas que camiñan. Elevar o asfalto e protexer o espazo peonil foron as solucións para calmar o tráfico a motor nesa zona neurálxica de Santa Cruz.
Este punto de gran densidade de tránsito peonil foi mellorado, tanto na calzada como na beirarrúa, para facer máis seguros e amables os desprazamentos peonís que se rexistran entre os numerosos establecementos comerciais existentes nese treito de rúa.
Na calzada elevouse o asfalto á altura das beirarrúas, que se considera o sistema máis seguro ante as ameazas da excesiva velocidade que poden chegar a alcanzar algúns condutores que non respectan o sinal de limitación a 30 km/h.
A beirarrúa dotouse dun sistema de parapetos que protexen as esquinas da posible violencia dos automóbiles e impiden que invadan o espazo peonil. Cada un destes parapetos dispón ademais dun banco e unha pequena xardiñeira que contribúe á integración urbana. Estes parapetos combinan formigón, madeira e vexetación, ofrecendo un aspecto confortable para as persoas que camiñan.
Outra dimensión tamén mellorada ten que ver coa iluminación, pois incrementouse a intensidade lumínica sobre o cruzamento, de tal xeito que cando se bota a noite o nivel de seguridade sexa practicamente igual que durante o día. O axardinamento dos parapetos humanizan o espazo e aproxímano ao concepto de “salón de estar urbano”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.