
Esta semana fixeron actuacións no alxibe do Castelo do Pico Sacro
Hoxe venres chegou ao seu fin o campo internacional de voluntariado “Monte Sacro”, no que tomaron parte quince rapaces e rapazas, de entre 18 e 30 anos de idade, chegados de diferentes partes de España (Estremadura, Madrid…) e doutros países, como Francia ou Eslovaquia. Unha iniciativa coorganizada polos Concellos de Vedra e Boqueixón e impulsada pola dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.
Durante esta última semana, os voluntarios encargáronse da limpeza e acondicionamento do alxibe do Castelo do Pico Sacro, fortificación que no século XII erixiu a raíña Urraca no cumio do Monte Ilicino durante o conflito mantido co arcebispo Xelmírez.
Esta antiga cisterna para almacenar auga é un dos restos que se poden apreciar desta antiga fortaleza, canda algúns tramos da escaleira de acceso e outros elementos. Unha espectacular estrutura escavada na rocha, de catro metros de altura e que tiña unha capacidade para albergar ata 65.000 litros de auga, suficiente para que unha guarnición militar de 50 persoas puidera resistir ata dous anos de asedio.
Durante a súa primeira semana, o campo internacional de voluntariado “Monte Sacro” acometeu accións de limpeza e acondicionamento nas inmediacións de San Xoán da Cova, no municipio de Vedra, despexando a zona de plantas e árbores invasoras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.