Saturday 02 de August de 2025

San Sadurniño aproba por unanimidade unha Declaración Institucional contra o xenocidio en Gaza


O Pleno do Concello de San Sadurniño aprobou este xoves por unanimidade unha Declaración Institucional de condena ao xenocidio cometido polo Estado de Israel contra o pobo palestino. No texto esíxese un cesamento inmediato dos ataques en Gaza, a apertura de corredores humanitarios, a ruptura de relacións diplomáticas e comerciais con Israel, o apoio ás accións xudiciais internacionais iniciadas contra Benxamín Netanyahu e a garantía do dereito do pobo palestino a un Estado soberano. O texto saíu adiante co apoio do BNG, do único representante do PSdeG-PSOE e tamén do PP local, quen adoptou deste xeito un posicionamento máis claro e contundente que o mostrado até o momento oficialmente polo Partido Popular a nivel galego e estatal.

A declaración aprobada no serán deste xoves denuncia os bombardeos indiscriminados sobre civís, a destrución masiva de infraestruturas esenciais, o bloqueo de axuda humanitaria e a expulsión forzada de millóns de persoas na Faixa de Gaza. Cítanse informes da ONU e organismos internacionais que sinalan que os feitos poderían encaixar na definición de crimes de guerra e de xenocidio, e reclámase o cumprimento das Convencións de Xenebra e das resolucións da ONU.

A exposición de motivos do acordo municipal recolle testemuñas estremecedoras como a publicada polo xornalista palestino Anas Al-Sharif, quen o pasado 19 de maio escribía: “Estamos morrendo. Os bombardeos israelís son implacables. As vítimas son as mulleres e os nenos. Non quedan lugares seguros. Sen comida, sen auga: a fame está espallándose rapidamente.” Este relato forma parte dun contexto de violencia extrema que, segundo o documento, xa provocou máis de 52.000 mortes, das que máis de 15.000 foron de nenos e nenas, e desprazou ao 90% da poboación gazatí.

Segundo a declaración, o pobo palestino leva 77 anos sometido a un réxime de ocupación e apartheid por parte de Israel, con constantes incumprimentos das resolucións das Nacións Unidas. Desde 1948, o Estado israelí ocupou o 70% do territorio palestino, implantando asentamentos ilegais, levantando muros, reprimindo á poboación e provocando unha crise humanitaria crónica agravada desde 2007 polo bloqueo á Faixa de Gaza.

Entre as medidas que se propoñen, o texto solicita ao Goberno español que efectivice o embargo de armas a Israel, que suspenda relacións diplomáticas e comerciais co réxime israelí e que promova no ámbito internacional accións contundentes para deter o masacre. Ademais, o Concello expresa o apoio ás iniciativas da Corte Internacional de Xustiza e do Tribunal Penal Internacional contra os dirixentes responsables.

A nivel galego, a corporación instou á Xunta de Galicia a cortar toda relación ou cooperación co goberno israelí, tanto directa como indirecta, e a resolver calquera contrato con empresas vinculadas á industria armamentística dese país. Así mesmo, o texto solicítalle á administración autonómica que despregue iniciativas públicas de denuncia e que colabore no envío de axuda humanitaria.

Como entidade local, o Concello comprométese a apoiar accións de solidariedade co pobo palestino, entre elas o envío de axuda humanitaria. Tamén declara “persoas non gratas” ao primeiro ministro Benxanñub Netanyahu e ao seu gabinete, a quen considera responsables da catástrofe humanitaria en curso.

A iniciativa, segundo quedou patente na sesión, é unha chamada á conciencia e á responsabilidade institucional ante o que se considera un crime contra a humanidade, instando a que todas as administracións, tamén as municipais, leven a cabo accións concretas en defensa da paz, da legalidade internacional e dos dereitos humanos.

Texto íntegro da declaración:

“Petición urxente de axuda: Estamos morrendo. Os bombardeos israelís son implacables. As vítimas son as mulleres e os nenos. Non quedan lugares seguros. Sen comida, sen auga: a fame está espallándose rapidamente. Esta guerra en Gaza debe rematar. Por favor, fagamos que as nosas voces se escoiten antes de que o próximo ataque aéreo nos silencie”.

Esta é a publicación realizada o 19 de maio polo xornalista Anas Al-Sharif desde Jabalia, acompañada dunha foto dunha crianza palestina chorando de desesperación.
Non podemos ficar indiferentes diante do alcance e consecuencias do xenocidio que está a desenvolver o Goberno de Israel contra da poboación palestina na faixa de Gaza.

As accións deste goberno xa provocaron máis de 52.259 mortes das que máis de 15 mil foron nenos e nenas, 117.416 persoas feridas e case 2 millóns desprazadas á forza, o que ven representar o 90% da poboación.

O bloqueo imposto por Israel, non só impide o acceso de axuda humanitaria, senón que provoca deliberadamente escaseza de alimentos e produtos esenciais para a subsistencia. Os ataques destruiron vivendas e infraestruturas esenciais.

Unha agresión xenocida contra o pobo palestino que supón un claro crime contra a humanidade de acordo ao Dereito internacional. Os bombardeos masivos (mesmo contra hospitais, convois de ambulancias, universidades ou campos de refuxiados), os cortes de subministros básicos como a luz, a auga potábel ou alimentos e medicamentos, ou o bloqueo no acceso de axuda humanitaria, en ningún caso poden ser entendidos como mecanismos de “lexítima defensa”. Son elementos dunha política de asedio xenocida que agravan a xa de por si durísima situación provocada polo bloqueo imposto á franxa de Gaza desde 2007 que levou á ONU a considerar as condicións nese territorio como “impropias para sustentar vida humana”.

A absoluta prioridade é lograr un cesar-o-fogo inmediato e incondicional dos ataques ordenados polo goberno israelí contra a faixa de Gaza, así como a urxente apertura de corredores humanitarios seguros para poder asistir á poboación palestina.

Cómpre, ademais, iniciar un proceso de negociación política con respaldo internacional para procurar unha saída pacífica, xusta e estábel neste conflito que se basee no cumprimento das resolucións das Nacións Unidas.

Neste sentido, é necesario abordar esta escalada no contexto do seu conflito histórico, no que Palestina sofre 77 anos de brutal ocupación baixo un sistema de auténtico apartheid, no que Israel incumpriu de forma reiterada e impune as resolucións da ONU (tanto da súa Asemblea Xeral como do seu Consello de Seguridade). Ao longo destas décadas Israel, non só impediu a existencia dun Estado palestino senón que ocupou os seus territorios (aproximadamente o 70% do territorio palestino desde 1948) mediante asentamentos de colonos -declarados ilegais segundo a resolución 2334 do Consello de Seguridade da ONU-, someteu a súa poboación a todo tipo de vexacións e maltratos, asasinou a dirixentes palestinos, meteu na cárcere a centos de persoas de xeito extraxudicial, levantou un muro da vergoña (declarado tamén ilegal), lanzou ataques que se saldaron con milleiros de persoas mortas e feridas e impuxo un brutal bloqueo á faixa de Gaza.

As Convencións de Xenebra de 1949 e os seus Protocolos Adicionais obrigan aos Estados a previr e sancionar o xenocidio e os crimes de guerra. Informes de organismos como a ONU documentan que Israel cometeu actos que poden cualificarse como xenocidio en Gaza, incluíndo ataques indiscriminados contra civís, bloqueo humanitario e desprazamento forzado.

Ademais, o Tribunal Penal Internacional emitiu ordes de arresto contra altos cargos israelís por presuntos crimes de guerra e contra a humanidade, e a Corte Internacional de Xustiza está a tramitar a denuncia contra o Estado de Israel por cargos de xenocidio polas súas accións na Faixa de Gaza.

É hora de que a denominada Comunidade Internacional actúe para poñer fin ao masacre contra o pobo palestino e facer cumprir a Israel as distintas resolucións sobre os territorios ocupados que de xeito sistemático vén incumprindo (sen ningunha consecuencia) e garantir o dereito do pobo palestino a dispor do seu propio Estado libre e soberano, así como a efectivización do dereito ao retorno das e dos refuxiados palestinos ao seu país. Con ese obxectivo deben actuar o conxunto de institucións e administracións, tamén a nivel municipal, despregando accións concretas e firmes.

Por todo o anterior, a corporación municipal de San Sadurniño quere:

Expresar o seu total rexeitamento e condena das accións xenocidas do Estado de Israel na faixa de Gaza e a demanda de paz e liberdade para o pobo palestino, esixindo o cumprimento das resolucións da ONU e do Dereito Internacional Humanitario e garantindo o seu dereito a dispor do seu propio Estado libre e soberano.
Declarar persona non grata a Benjamin Netanyahu e a todas as persoas que fan e/ou fixeron parte do seu gabinete gobernamental desde o 7 de outubro de 2023, pola súa responsabilidade na catástrofe humanitaria provocada en Palestina.
Instar ao Goberno español a:
-Efectivizar o embargo total de armas, acordado polo Congreso, contra o Estado de Israel e aplicar de maneira estrita os tratados e convencións ratificadas polo Estado español para garantir o Dereito Internacional Humanitario.
-Aplicar a inmediata suspensión ou bloqueo de calquera tipo de relación comercial e a ruptura de relacións diplomáticas co Estado xenocida, así como a apoiar de maneira activa as accións da Corte Internacional de Xustiza para que sexan xulgados os criminais de guerra e se poña fin á ocupación da Palestina.
-Promover no seo da Unión Europea e a nivel internacional accións enérxicas para frear o xenocidio en curso na Palestina.
4. Instar á Xunta de Galiza a:
-Suspender calquera cooperación, directa ou indirecta e en calquera ámbito, co Goberno de Israel ou entidades dependentes deste.
-Despregar no ámbito da Acción Exterior unha ofensiva para denunciar o xenocidio en curso en Gaza
-Suspender de maneira inmediata e resolver todos os contratos públicos da Xunta de Galiza e os seus organismos e entidades dependentes con calquera empresa ligada, directa ou indirectamente, á industria militar e de defensa de Israel.
-Colaborar no envío de axuda humanitaria para a atención da poboación palestina.
5. Comprometerse como entidade local a colaborar no envío de axuda humanitaria para a atención da poboación palestina.

Deja un comentario