
— O director xeral de Cultura participa na inauguración desta cita que se impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorre 13 vilas e cidades galegas ata finais deste mes de agosto
— Os xardíns de Méndez Núñez acollerán ata o domingo 10 de agosto máis de 300 actividades entre as que se inclúen espectáculos, presentacións, sinaturas de libros, faladoiros e obradoiros inclusivos
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro da Coruña, a décima parada do circuíto impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia, onde destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara ao impulso e dinamización da lectura para todas as idades, así como tamén a inclusión de todos os colectivos da sociedade.
O representante da Xunta de Galicia puxo en valor “estas iniciativas, que axudan ao descubrimento de novos autores, xéneros literarios e lecturas, ao tempo que enchen as cidades e vilas de propostas culturais de diferentes tipos e para todos os públicos”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu e destacou o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha programación ampla e variada de 36 librerías participantes e máis de 300 actividades, entre as que se inclúen as sinaturas de libros de preto de 250 autores, presentacións, obradoiros infantís, faladoiros, rutas, recitais e máis de 10 espectáculos para toda a familia, incluíndo concertos, obras de teatro, contacontos en lingua de signos ou para adultos.
Neste senso, o director Xeral de Cultura remarca esta iniciativa dentro “do compromiso do Goberno Galego por impulsar e dinamizar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa comunidade, así como tamén fomentar as nosas letras”, ademais de “achegar a cultura a toda a poboación galega, favorecendo a súa inclusión ao abeiro da Lei de cultura inclusiva”.
Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo da poeta Lucía Aldao, e permanecerá aberta ao público ata o domingo 10 de agosto, de 11 a 14 horas e de 17,30 a 21,30 horas.
Tres feiras por diante
A Coruña é a décima das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas e Rianxo, a Feira do Libro chega agora á Coruña ata o 10 de agosto.
As tres Feiras do Libro que quedan son neste mesmo mes de agosto en Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.
Esta feira, que pode visitarse nos xardíns de Méndez Núñez, enmárcase dentro da campaña estival Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías distintas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.