Saturday 02 de August de 2025

O PP de Culleredo esixe a dimisión da concelleira de Urbanismo por unha nova sentenza que obriga a pagar 1,3 millóns a unha promotora por incumprir outro convenio


• Marta Iglesias xa foi reprobada hai un ano a iniciativa dos populares como responsable do bloqueo do PXOM e o atraso nos orzamentos, o pago de facturas e a concesión de licenzas

• Izaskun García, portavoz popular: “Isto non é unha herdanza do pasado nin unha sorpresa. É a factura dun goberno que nunca asume ningunha responsabilidade e agora págana os veciños”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo esixiu no pleno celebrado onte a dimisión inmediata da concelleira de Economía, Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, ou o seu cesamento por parte do alcalde, José Ramón Rioboo, tras coñecerse unha nova sentenza xudicial firme que obriga ao Concello de Culleredo a pagar 1,3 millóns de euros por incumprir un convenio asinado en 2003 cunha promotora en relación á obtención do pazo de Villa Melania. O PP considera que esta indemnización non é un caso illado, senón a consecuencia directa de anos de deixamento político e falta de planificación por parte do goberno local. “Non é unha herdanza do pasado nin algo que lles pillase por sorpresa. É a factura dun modelo de goberno esgotado, sen proxecto. E esta factura págana, de novo, os veciños de Culleredo”, denunciou a portavoz popular, Izaskun García, quen lembrou que “levamos máis dunha década sen PXOM, cun urbanismo bloqueado e encima, sen orzamentos”.
Por iso, sinalou a portavoz do PP, o goberno local pretende agora afrontar este pago millonario a través dun crédito extraordinario do remanente, é dicir, do aforro dos veciños, xa que os orzamentos municipais están prorrogados desde 2023. “Trátase, literalmente, dunha modificación extraordinaria para tapar un buraco provocado pola inacción”, asegurou Izaskun García.
Desde o PP lembran que a concelleira Marta Iglesias foi reprobada hai agora un ano a iniciativa dos populares, cos votos a favor do BNG, pola súa responsabilidade directa no bloqueo do PXOM e o atraso na aprobación dos orzamentos, o pago de facturas e a concesión de licenzas. “Segue no cargo coma se nada pasase. E agora, con esta nova sentenza, os veciños de Culleredo asumen outra vez as consecuencias do seu deixamento”, dixo a portavoz popular.
Outras tres sentencias que xa custaron millóns
Este recente fallo xudicial non é o único que golpeou as arcas municipais. Así, o Concello tivo que pagar 1,5 millóns de euros polo caso do Colexio Ría do Burgo, tamén por incumprir un acordo urbanístico e, en 2023, dúas novas sentenzas condenaron ao goberno de Rioboo por convenios incumpridos na ampliación da Casa do concello e os terreos do paseo do río Trabe. “Estamos #ante un patrón de irresponsabilidade reiterada. Cantas máis sentenzas como esta están por vir, cantos buracos máis virán?”, preguntouse Izaskun García.
Comisión especial do PXOM e petición de convenios anteriores a 2016
O PP esixiu, ademais, a convocatoria inmediata da comisión especial do PXOM, que non se reuniu nin unha soa vez en oito anos de mandato do actual alcalde. E advertiu de que, a pesar de reclamalo, o Concello nunca facilitou un informe completo dos convenios urbanísticos asinados antes da Lei do Solo de 2016, o que impide anticipar posibles responsabilidades económicas futuras: “Non queremos bloquear o pago destes 1,3 millóns porque respectamos as resolucións xudiciais, pero tampouco imos permitir que non se asuman os erros. Se a concelleira non dimite, debe ser cesada”.

Deja un comentario