
O acordo é ilegal: non se poden alterar os usos establecidos no plan parcial
En contra das leis, da decencia política e da suposta defensa do interese público polo que se debe velar desde as administracións, PSOE e PP acordaron no pleno de Culleredo regalarlle unha propiedade do Concello a unha entidade privada.
Alternativa dos Veciños non apoiará nunca que o patrimonio público dos veciños de Culleredo se lle regale a ninguén, por moito que se pretenda vestir de fundación científica con promesas de emprego que nunca serán unha realidade, porque para isto o Concello xa dispón dos polígonos comerciais e industriais.
As naves da Cross e os terreos lindeiros fanlle falta a Culleredo para dotar á veciñanza das diferentes necesidades culturais, deportivas, sociais e de lecer das que carecemos e que se nos levan 40 anos prometendo por parte dos distintos gobernos municipais sen chegar a ser nunca unha realidade.
Se o Concello quere que as naves e terreos da Cross se modifiquen algún día, ademais de equipamentos municipais, pode considerar a posibilidade de facer vivenda de aluguer público, así nunca perdería a titularidade dos mesmos e crearía un gran servizo para a veciñanza de Culleredo.
Por outro lado, compre salientar que o Concello de Culleredo non ten Plan Xeral de urbanismo e por tanto non pode alterar as cesións urbanísticas de anteriores plans parciais que fixaban as cesións públicas para servizos sociais, culturais, deportivos etc… Polo que avisamos xa, que independentemente dos informes da Xunta, é ilegal o acordo tomado por PP e PSOE de Culleredo.
Alternativa dos Veciños está para defender o interese xeral de Culleredo. E anunciamos tamén que en caso de que se pretenda regalar os terreos da Cross a unha fundación presentaremos os correspondentes recursos técnicos e xurídicos que demostrarán a ilegalidade que se pretende cometer con este patrimonio público.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.