Saturday 02 de August de 2025

Todo listo en Limodre para o arranque do Felicia Pop, co apoio do Concello de Fene


O Concello colabora na sesión vermú do sábado cun concerto gratuíto de Familia Caamagno ás 13.30h e reforza os servizos municipais para garantir o bo funcionamento do evento

A alcaldesa, Sandra Permuy, e os concelleiros Justo Ardá e Adán Chao revisaron os últimos preparativos xunto aos organizadores do festival, que se celebra no Parque da Hortiña

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; e os concelleiros de cultura, Justo Ardá; e de servizos, Adán Chao; visitaron onte á tardiña o recinto do Parque da Hortiña, en Limodre, para supervisar os últimos preparativos da nova edición do Felicia Pop, que arranca hoxe e que converterá Limodre durante dúas xornadas nun referente da música alternativa.

Durante a visita, os representantes municipais compartiron espazo cos organizadores do festival e revisaron aspectos loxísticos. A alcaldesa, Sandra Permuy, puxo en valor “o esforzo do tecido asociativo local, que fai posible un evento cultural de primeiro nivel, que dinamiza Limodre e sitúa Fene no mapa dos festivais máis atractivos de Galiza”. Tamén destacou “o compromiso do Concello coa cultura e coa mocidade, facilitando espazos de lecer seguros, igualitarios e participativos, en colaboración coa área de Igualdade”.

O Concello de Fene colabora co festival tanto no ámbito loxístico, a través da área de servizos, como na programación musical, coa organización do concerto de Familia Caamagno, que actuará este sábado ás 13.30h na sesión vermú, cun espectáculo gratuíto que amplía a oferta cultural do festival e favorece a participación da veciñanza.

O concelleiro de cultura, Justo Ardá, destacou “o crecemento do Felicia Pop como festival de referencia no noroeste peninsular” e reafirmou o apoio do Concello “a propostas culturais que nacen do territorio, implican á veciñanza e proxectan o mellor de Fene”. Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “desde o Concello reforzáronse os medios técnicos e humanos para garantir que todo funcione correctamente durante o festival”.

A programación do Felicia Pop comeza esta noite coa actuación de Pava (22.00h), MPSTK (23.10h), Hey Hematoma (00.30h) e Los Bengala (02.00h). O sábado, será a quenda de Cometa (22.00h), Mooon (23.10h), The Optic Nerve (00.30h) e Los Mejillones Tigre (02.00h). Ademais, o sábado ao mediodía celebrarase a sesión vermú coa música de Familia Caamagno (13.30h), con entrada libre.

As entradas e abonos para o festival están á venda en woutick.es.

Deja un comentario