
O Concello aprobou o proxecto e iniciou os trámites de contratación da obra de construción de beirarrúas e ampliación da calzada na rúa Bartolomé de las Casas, en Nós. Neste primeira fase abordarase o tramo entre a rotonda da Seara e a rúa da Onca, cun investimento de 992.000 euros.
O pasado ano o Goberno municipal celebrou unha asemblea informativa cos veciños e veciñas desta rúa para informar do proxecto de construción de beirarrúas e explicar a necesidade da colaboración veciñal mediante a cesión de solo para poder facer a obra.
Ante a boa disposición do conxunto dos veciños e veciñas, que igual que noutras localidades entregan gratuitamente o terreo preciso, procedeuse á contratación desta obra. A segunda fase, entre a rúa da Onca e a rúa Armental abordarase con cargo ao próximo exercicio, completando así os 1,5 km da rúa.
Con esta actuación vaise mellorar a seguridade viaria, calmar o tráfico e facer posible que as persoas circulen con máis seguridade camiñando, así como realizar diversas obras de condución de pluviais. Nalgúns treitos, a beirarrúa será convencional; noutros terá un pequeno espazo verde que a separará da calzada, e noutros, únese á estrada unha banda de aparcamento. En todos os lugares onde é posible incluiranse árbores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.