
O Pleno do Concello de Santiago vén de aprobar a ordenanza fiscal reguladora da recarga sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas. A recarga comezará a aplicarse o 1 de outubro e no prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor constituirase o Foro de Turismo Sustentable, que será o órgano de asesoramento e seguimento.
A ordenanza que regula a aplicación do imposto ás estadías turísticas, coñecido como “taxa turística”, foi aprobada en sesión plenaria cos votos favorables dos grupos municipais do Goberno, BNG e CA, do grupo municipal do PSOE e das concelleiras e concelleiro non adscritos, e coa abstención do grupo municipal do PP.
A ordenanza, con respecto ao texto aprobado inicialmente no pleno de maio, incorpora unha disposición disposición adicional única e cunha disposición derradeira única.
A disposición derradeira indica que a ordenanza entrará en vigor o 1 de outubro de 2025, mentres que a disposición adicional única establece que se lle encomendarán as funcións da comisión de asesoramento e seguimento ao Foro de Turismo Sustentable e que este órgano deberá contar, como mínimo, con representantes do Concello, das empresas do sector e das asociacións veciñais. Ademais, indícase que no prazo máximo de 6 meses se procederá á aprobación e publicación da ordenanza municipal que regule este Foro, así como a súa posta en funcionamento.
Estas dúas disposicións foron incorporadas ao texto definitivo como resultado de aceptar parcialmente dúas das alegacións presentadas durante o período de exposición da ordenanza. Durante o período de exposición foron rexistradas sete alegacións que, agás as aceptadas parcialmente, foron rexeitadas atendendo aos informes técnicos dos departamentos de Tesouraría, Turismo e Secretaría Xeral.
Esta ordenanza regula a aplicación do imposto autonómico de acordo co estipulado na Lei 5/2024 da Xunta de Galicia, que é a norma que establece as tarifas para cada tipo de establecemento de aloxamento turístico, aplicables por un período máximo de 5 días, así como os supostos de non suxeición e exención.
A ordenanza establece dous períodos liquidación, con carácter semestral, do 1 de xaneiro ao 30 de xuño e do 1 de xullo ao 31 de decembro. De acordo coa Lei 5/2024 tamén establece que os ingresos da recarga estarán afectados nun 80 %, unha vez deducidos os custos da súa aplicación, a investimentos e a gastos vinculados á promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.