
A Xunta de Galicia vén de declarar oficialmente como Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, incluíndo o edificio e a colección de obras de arte. Porén, Alternativa dos Veciños súmase ás outras 30 entidades que van elaborar un manifesto para recoller sinaturas e esixir que a protección BIC se estenda a todo o complexo industrial e cultural de Cerámicas do Castro, elemento esencial e inseparable do proxecto cultural impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
A protección actual limita á singularidade do museo e omite a parte industrial, arquitectónica e cultural que conforma un todo histórico e simbólico da memoria galega. Estender a declaración BIC a todo o complexo de Cerámicas do Castro permitiría un recoñecemento e preservación coherente da obra integral destes dous grandes referentes da cultura galega.
O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside é moito máis que un simple edificio e un conxunto de obras de arte: o complexo enteiro representa unha iniciativa que pretendía reconectar á sociedade galega coas experiencias artísticas previas á Guerra Civil, dando a coñecer o universo cultural que ficou silenciado durante tantos anos e do que tan pouco se sabía.
Ademais, lamentamos que a Xunta pretenda mudar o nome orixinal do museo, que pasará a chamarse Museo de arte contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, desvirtuando o nome orixinal co que foi concibido, recoñecido e co que se solicitou a súa declaración BIC.
Desde Alternativa dos Veciños seguiremos traballando pola preservación da memoria histórica e da identidade cultural da nosa terra.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.