Friday 01 de August de 2025

O pregón de Rosa Cedrón e a música de Baiuca abren este venres as Festas de María Pita 2025


Nos xardíns de Méndez Núñez abrirán ao público a Feira do Libro e Mostrart, mentres que no Obelisco instalarase a mostra de carteis históricos das festas

O Concello habilita un dispositivo especial de transportes para as Noites de María Pita

Este venres 1 de agosto darán comezo as Festas de María Pita 2025 co pregón de Rosa Cedrón e a música de Baiuca na praza de María Pita. “Este 175 aniversario das festas quixemos que arrincaran cunha homenaxe a Galicia e á nosa música, con referentes de distintas xeracións converxendo nun mesmo espazo”, indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

Rosa Cedrón será a encargada do pregón deste 2025, que terá lugar ás 21.00 horas desde o balcón da Alcaldía Oficial. Coruñesa de adopción, comezou a súa carreira como violonchelista, pero acadou gran recoñecemento como vocalista do grupo Luar na Lubre, conxunto co que colaborou durante varios anos, popularizando grandes himnos de música tradicional galega. Posteriormente iniciou unha carreira en solitario, combinando sons folk, pop e canción de autor. “A súa voz delicada e expresiva convértea nunha das intérpretes máis recoñecidas da música galega contemporánea”, sinalou Inés Rey.

Pola súa banda, Baiuca actuará a partir das 22.00 horas no escenario da praza, inaugurando as Noites de María Pita. Baiuca, proxecto musical liderado por Alejandro Guillán, continúa a revolucionar a escena sonora galega e internacional coa súa fusión única de tradición e vangarda. Combinando ritmos electrónicos con cantos e instrumentos tradicionais como as pandeiretas, as gaitas ou as cunchas, Baiuca consegue reinterpretar a música de raíz dende unha óptica contemporánea e global. O seu traballo representa unha nova forma de entender a cultura galega, apostando pola innovación sen perder a conexión co patrimonio inmaterial da nosa terra.

Apertura da Feira do Libro, Mostrart e a mostra de carteis históricos das Festas de María Pita

O inicio das Festas de María Pita 2025 márcao o pregón de Rosa Cedrón e a actuación de Baiuca, mais este 1 de agosto tamén botarán a andar a Feira do Libro, a mostra de artesanía Mostrart e a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’. A alcaldesa, Inés Rey, participará nos actos inaugurais de estes tres eventos.

Para conmemorar o 175 aniversario das festas, instalarase desde o día 1 no Obelisco a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’, con 40 carteis emblemáticos que reflicten o espírito dos tres séculos nos que se celebraron. Do 18 ao 31 de agosto a exposición poderá visitarse en Marineda City.

Baixo o lema ‘Onde florecen os libros’, este 1 de agosto botará a andar a Feira do Libro nos xardíns de Méndez Núñez. Serán un total de 36 librarías e editoriais as presentes nesta edición, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. A Feira do Libro comezará co pregón da escritora e música, Lucía Aldao.

Por outra banda, un ano máis, a feira de artesanía máis importante de Galicia, Mostrart, regresa aos xardíns de Méndez Núñez, reunindo aos mellores artesáns e artesás do 1 ao 31 de agosto. En Mostrart 2025 participarán máis de 60 obradoiros artesáns, organizados en diferentes quendas de participación ao longo do mes, cun total de 43 casetas. Desta representación, 51 artesáns proceden de Galicia e 11 doutras comunidades autónomas, consolidando así o carácter diverso e de calidade da feira.

Dispositivo especial de transportes nas Noites de María Pita

Como é habitual, haberá un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita, os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.
O dispositivo consistirá nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo
Picasso, Birloque e Novo Mesoiro.

Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.

Deja un comentario