
O festival trae de novo a Fene artistas de prestixio internacional, música en directo e actividades culturais para todos os públicos durante toda a fin de semana
A alcaldesa, Sandra Permuy; a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e o concelleiro de servizos, Adán Chao, mantiveron esta mañá un encontro cos organizadores do festival, Fran Lage e Ramón Pereira
Fene énchese de cor esta fin de semana coa chegada da terceira edición do Perla Mural Fest, un dos eventos máis singulares do panorama galego, que combina arte urbana, música e participación veciñal. Esta mañá, a alcaldesa Sandra Permuy; a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e o concelleiro de servizos, Adán Chao; mantiveron un encontro cos organizadores do festival, Fran Lage e Ramón Pereira, no que pecharon os detalles finais desta nova edición, que comeza oficialmente esta fin de semana.
Estes días Fene será o lenzo de para tres muralistas de proxección internacional: Diego As intervén na Avenida Naturais 25, en Fene; Wedo Goás na Rúa Río Cádavo 9, en Perlío; e David Barrera na Rúa Paralela a San Estevo 11, tamén en Perlío. O traballo destes artistas, amplamente recoñecidos no muralismo contemporáneo, converterá espazos urbanos comúns en auténticas obras de arte a ceo aberto.
Ademais dos murais, o festival inclúe concertos e sesións vermú, estas últimas con entrada libre, que converterán Fene nun punto de encontro cultural e lúdico de referencia. O escenario principal acollerá este venres as actuacións de Sarria (21.00h), Grex (22.10h), O’Funk’illo (23.20h), Sara Socas (00.55h) e Hugo Guezeta (2.25h), mentres que o sábado será a quenda de Alison Darwin (21.00h), Melifluo (22.10h), Bernal (23.4h0), Drugos (00.50h) e Juanca Supersub DJSet (02.10h). Ambas noites estarán ambientadas por DJR4tibrón, tamén responsable dos descansos e peches.
O sábado e domingo celebraranse tamén sesións vermú, con Pulpa (12.30h) e Superglú (14.00h) o sábado; e con Litus (12.30h) e Sintrom (14.30h) o domingo, día no que tamén haberá liscos populares e sorteo de rifas.
Un festival con proxección internacional
O Perla Mural Fest situouse con forza no mapa internacional da arte urbana ao conseguir, nas súas dúas primeiras edicións, o recoñecemento ao Mellor Mural do Mundo outorgado pola plataforma StreetArt Cities: primeiro con “A violonchelista de Fene”, de Sfhir, e despois con “O Charanguista Andino”, de Cristóbal Persona. A terceira edición chega con novos retos e co apoio renovado do Concello de Fene, tanto a través dun convenio de colaboración económica, como co traballo das áreas municipais de servizos e seguridade para que todo funcione á perfección.
A alcaldesa Sandra Permuy salientou que “o Perla Mural Fest representa á perfección o que queremos para Fene: un concello dinámico, que aposta pola cultura e que se proxecta cara ao mundo desde a creación contemporánea”. Agradeceu tamén “o enorme esforzo do equipo organizador, que converteu este festival nun referente internacional con identidade propia”.
Pola súa banda, a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, puxo o foco no impacto que ten o festival: “Non só dinamiza a actividade cultural, senón tamén o comercio e a hostalería, e contribúe a situar a Fene como destino turístico de fin de semana. A arte urbana é un atractivo cada vez máis valorado, e en Fene temos murais que xa forman parte do noso patrimonio”.
Por último, o concelleiro de servizos, Adán Chao, destacou “o traballo conxunto das diferentes áreas municipais para garantir a loxística do evento, o coidado dos espazos públicos e a seguridade durante toda a fin de semana. A implicación do Concello é total para que veciñanza e visitantes gocen da experiencia nas mellores condicións”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.