Friday 01 de August de 2025

O Concello de Neda licita a xestión das escolas deportivas, culturais e de benestar municipais


O Concello de Neda licita o servizo de planificación metodolóxica e de prestación das escolas deportivas, culturais e de benestar do municipio para os vindeiros cursos. A firma que se faga co contrato xestionará as distintas actividades e talleres que se ofertan á veciñanza entre mediados de setembro e o 30 de xuño.

Segundo os pregos, entre as tarefas de coordinación e as distintas modalidades deportivas cubriranse preto de 2.600 horas anuais. O contrato terá unha duración inicial de dous exercicio e un importe máximo de 148.324 euros (IVE engadido). Recolle, non obstante, a posibilidade de prórroga por outro ano máis.

Contempla o contrato no que atinxe ao eido deportivo, que se organizarán actividades de ximnasia de mantemento, ximnasia saudable, ximnasia terapéutica, adestramento funcional, ioga, pilates, zumba, patinaxe, sesións de ximnasio dirixidas e, para o público infantil, tamén baloncesto. O ximnasio do centro cívico convértese en escenario principal da maioría destas propostas.

No referido ás actividades de cultura e de benestar, que se veñen desenvolvendo na Casa da Cultura e na Casilla do Puntal, inclúense accións de estimulación cognitiva como son os talleres de memoria, que se realizan habitualmente na Casa da Cultura, e o de mentes activas, que se desenvolve na Casilla do Puntal.

Os pregos do contrato están a disposición das firmas interesadas na plataforma de contratación do sector público. E as empresas terán de prazo ata o 7 de agosto para presentar as súas ofertas.

Deja un comentario