Friday 01 de August de 2025

O BNG de Oleiros pide restaurar “como é debido” o monumento a García Lorca do parque Luís Seoane de Santa Cruz


A peza, creación de José María Kaydeda e con fábrica do mestre canteiro Emilio Siso, carece desde hai tempo de parte das placas de bronce que sinalaban as obras máis senlleiras do escritor granadino, e no pasado xa sufriu ataques fascistas

En 2022 o alcalde de Oleiros anunciaba unha restauración “inmediata” que porén aínda continúa pendente de executarse

O monumento a Federico García Lorca é unha escultura que preside o parque Luís Seoane de Santa Cruz, o principal e máis icónico espazo verde público desta localidade.

Da autoría do recordado artista José María Kaydeda e con fábrica do moi querido mestre canteiro Emilio Siso Vecino, o monólito foi inaugurado cando outro dos grandes proxectos que Kaydeda deixou en herdanza, Alfaroleiros, daba os seus primeiros pasos.

Dicía o artista, naquel momento, que con Lorca había unha gran débeda colectiva aínda non satisfeita. Sen dúbida, o de Santa Cruz foi, na nosa contorna, o primeiro monumento erguido na honra do poeta asasinado polo fascismo en agosto de 1936.

Se vítima do odio fascista foi Lorca e produto da persecución movida por ese odio asasinado e desaparecido, tamén o monólito de Santa Cruz sería vítima dese mesmo odio décadas despois da eliminación física do poeta: aos actos públicos de rexeitamento á súa colocación seguiron actos vandálicos que mesmo chegaron a incluír a “decapitación” do monumento ou a progresiva desaparición, posibelmente substracción, de varias das placas de bronce colocadas inicialmente cos títulos dalgunhas das obras lorquianas máis significadas.

En 2022, nunha entrevista, o Alcalde de Oleiros anunciou que a escultura sería restaurada e as placas de bronce desaparecidas repostas “con carácter inmediato”. Porén, tres anos despois dese anuncio as ditas placas que foron desaparecendo seguen sen voltar, o que fai que o monumento a Lorca non poida lucir tal e como foi deseñado e inaugurado.

No pórtico dunha nova edición de Alfaroleiros, o BNG de Oleiros solicítalle ao goberno municipal axilizar o anunciado polo Alcalde en 2022 e restaurar “como é debido” a peza escultórica creada por Kaydeda para, cando menos, chegar completa e recuperada ao 90 aniversario do asasinato de Federico García Lorca.

Deja un comentario