Friday 01 de August de 2025

Luz verde ao convenio que permitirá a recuperación das Xubias, rexenerando o núcleo tradicional e completando o paseo marítimo


Ademais, o Pleno aprobou definitivamente a nova taxa turística, que entrará en vigor durante o mes de setembro

Ratifícase o acordo para urbanizar o antigo soar das Adoratrices, que axudará ao Concello a gañar superficie verde que se sumará ao futuro parque do Observatorio, na Agra do Orzán

A rexeneración da fachada marítima da Coruña terá no núcleo poboacional das Xubias outro dos seus principais eixos de acción. Así o refrendou hoxe o Pleno tras aprobar definitivamente o convenio urbanístico mixto que abre camiño á transformación da zona mediante a colaboración do Concello e os propietarios do solo.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, foi o encargado de desgranar as principais liñas estratéxicas do acordo, que permitirá ao Goberno de Inés Rey avanzar na folla de ruta prevista para recuperar o bordo litoral da Coruña, poñendo en valor As Xubias e mellorando a zona, respectando o seu patrimonio, historia e singularidade.

Esta recuperación, tal e como explicou Lage, “se baseará nas directrices dadas desde este Concello, e contará cun dos grandes arquitectos do panorama internacional, David Chipperfield, para garantir a calidade dun proxecto chamado a ser un referente”. O concelleiro avanzou que o próximo paso será contar, dentro de catro meses, cunha proposta detallada de ordenación do ámbito, para poder traballar tamén en paralelo na modificación do Plan Xeral.

A este respecto, no ámbito se desenvolverá vivenda libre —pendente aínda de cuantificación—, mais tamén vivenda protexida, co compromiso de engadir un 20% sobre o establecido no proxecto. Ademais, a actuación nas Xubias suporá tamén a rehabilitación de vivendas e a recuperación do tecido urbano tradicional e a integración paisaxística e ambiental das novas construcións, coa creación de espazos públicos, zonas verdes e mellora da accesibilidade, mantendo tamén as vías do tren para poder aproveitar no futuro a conexión ferroviaria.
“Con este acordo gañamos todos. Primeiro, porque se reduce a edificabilidade prevista no PXOM do 2013 e, a maiores, porque gaña en calidade urbana un núcleo que, por desgraza, estivo durante moito tempo á marxe dos grandes investimentos da nosa cidade”, dixo Lage.

Ademais, entre os obxectivos marcados figura a intención de integrar o Pazo Guyatt como equipamento público e os seus xardíns como zona verde.

A taxa turística entrará en vigor na Coruña no mes de setembro

Outro dos asuntos destacados na orde do día foi a aprobación definitiva da a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico sobre as estadías turísticas, que entrará en vigor, previsiblemente, no vindeiro mes de setembro. A excepción será para o tráfico de cruceiros, que quedarán exentos este ano ao ter a súa tempada de orzamentos xa pechada.

Tal e como explicou José Manuel Lage na sesión plenaria, esta iniciativa concibiuse para axudar a facer fronte ao aumento dos custes na prestación de servizos públicos, un incremento que vén derivados, en parte, do maior número de viaxeiros e estadías turísticas que se veñen contabilizando na cidade nos últimos anos.

Neste sentido, A Coruña aplicará unha taxa de entre 1,5 e 2,5 euros en función do tipo de establecemento e ata un máximo de cinco días de estadía. Haberá, ademais, exencións para menores de idade, deportistas que veñen á cidade por mor de competicións deportivas “e, por suposto, cidadáns da Coruña que, por causas de forza maior, como obras nos seus domicilios, estean obrigados a instalarse durante un tempo en establecementos hoteleiros”.

Este tipo de taxa, que se ampara na normativa autonómica, xa se aplica en moitas cidades europeas. É o caso de Barcelona, Xenebra ou Porto, entre moitas outras. “Con esta taxa aspiramos a conseguir un turismo sostible e de calidade. É unha ordenanza xusta, que contribuirá a ordenar o turismo e que, entre todos, tamén entre os que visitan a cidade, se sufraguen os moitos servizos que presta o Concello e para os que son necesarios recursos”, razoou Lage, que estimou en 2,5 millóns os ingresos anuais previstos a través desta taxa, “que permitirá a súa reinversión en melloras para a cidade”.

O parque da Agra gañará máis superficie verde coa sinatura do convenio para urbanizar o antigo soar das Adoratrices

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse o convenio urbanístico que permite ao Concello seguir avanzando de cara á creación do parque do Observatorio.

Como lembrou esta mañá José Manuel Lage, o Goberno de Inés Rey vén dando pasos firmes neste sentido, co obxectivo de habilitar unha área verde longamente demandada pola veciñanza do barrio da Agra do Orzán, un dos máis densos da cidade en termos poboacionais e dos que máis precisa gañar espazos públicos libres e osixenados.

A inicios de xuño, o Concello acadou concesión dos terreos do parque do Observatorio por parte do Estado. Isto abriu camiño á licitación do derrubamento dos muros das rúas Canceliña e Páramo, paso clave para abrir a nova zona verde. E agora, aproba un convenio que, ademais de dar cumprimento a unha sentenza firme do TSXG —que recoñeceu como solo urbano consolidado unha parte da parcela do ámbito POL M-22, o antigo soar das Adoratrices—, permitirá ao Concello acadar a cesión gratuíta de máis de 3.000 metros cadrados que se aproveitarán como área verde e espazo libre de uso público, e que ademais urbanizará a promotora que ostenta a titularidade deste ámbito.

Esta superficie que se gaña coa sinatura do convenio sumarase á que acadou o Concello coa concesión dos terreos estatais.
“Falamos de espazos verdes que son unha necesidade urxente para o barrio da Agra. Tanto pola súa densidade de vivendas como pola carencia de espazos abertos, é necesario dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza e gañar calidade ambiental, máis espazos de lecer e descanso. Ademais, evitamos custos xudiciais e posibles indemnizacións atendendo ao ditame do TSXG, explicou o voceiro do Goberno municipal”.

O convenio aprobado hoxe no Pleno tamén contempla a apertura dun novo acceso peonil e visual ao parque do Observatorio desde a rúa Gregorio Hernández, unha vella demanda do barrio. “Isto vai permitir conectar o parque co tecido urbano, facéndoo máis accesible, máis visible e máis útil para a veciñanza”, dixo Lage.

Ademais, o texto deixa aberta a posibilidade de construír un aparcadoiro subterráneo público, algo fundamental nun barrio que sofre unha notable falta de prazas de estacionamento. O convenio prevé que, de levarse a cabo esta actuación, a urbanización da superficie estea coordinada coas obras do aparcadoiro, sen custo adicional para a administración local.

Avanza a modificación puntual do PXOM en Xuxán, que facilitará as obras de mellora en Alfonso Molina

Tamén este mércores, o Pleno aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral en Xuxán que é precisa para propiciar os avances das obras de mellora na avenida Alfonso Molina, actualmente en curso e que afectan á beira lindeira ao antigo polígono urbanístico do Parque Ofimático.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, puxo en valor esta proposta, “que incorpora a posible saída directa desde Alfonso Molina hacia Xuxán”, unha demanda da veciñanza do barrio.
Neste sentido, dadas as modificacións previstas nesta marxe da avenida, tamén se abre camiño á alteración da ordenación de volumes dos bloques residenciais Z-41, Z-43, Z-44 e Z-46, para permitir a elevación do parque de vivenda de protección pública na cidade.

Ademais, este axuste no planeamento da zona tamén é clave para mellorar as conexións previstas a futuro en Lavedra e na contorna do Monte Mero, delimitado polo Proxecto de Interese Autonómico para a ampliación do CHUAC.

O Pleno aproba inicialmente a actualización da ordenanza do lixo

Tamén esta mañá aprobouse en fase inicial a actualización da ordenanza fiscal que regula a recollida do lixo, unha medida necesaria para adaptarse ás directrices da Unión Europea en materia medioambiental, que esixe repercutir o custe do servizo ao usuario.

A Coruña afronta esta modificación sendo a cidade galega coa tarifa máis baixa. “E seguirá estando por debaixo da media, mais é preciso unha actualización vinculada tamén á necesaria concienciación cidadá na redución da xeración de residuos e no correcto reciclaxe dos mesmos”, precisou José Manuel Lage.

Toda vez se aprobe definitivamente a actualización da ordenanza, e entre en vigor, A Coruña aplicará un novo modelo que consistirá nunha cantidade fixa e unha cota variable en función do consumo da auga e do roteiro de recollida determinados conforme ao contrato de lixo en vigor. Estas variables inclúense para que as familias con menos membros, e polo tanto con menor produción de residuos (o que se estima en base ao consumo de auga) paguen menos, do mesmo xeito que aquelas rutas máis sinxelas e que usen menos maquinaria pagarán menos, tamén buscando un maior equilibrio entre a xeración de residuos e a repercusión xusta do seu custe.

Con esta actualización, a media que pagará un fogar da Coruña estará no ano 2027 na contorna dos 90 euros anuais, moi por debaixo dos concellos da área metropolitana e das demais cidades galegas.

Deja un comentario