Friday 01 de August de 2025

O BNG rexeita o plan económico financeiro do concello de Teo


O portavoz, Eloi Devesa, sinala que “o PP creou a lei e o PP a incumpre”

Critican que o goberno municipal non explica que gastos motivaron os incrementos nin as medidas para corrixir a situación

O BNG rexeita o plan económico financeiro presentado polo goberno municipal de Teo porque non explica nin que gastos motivaron os incrementos que o levan á incumprir a lei nin que medidas se van aplicar para acadar o superávit anunciado para 2026. O portavoz, Eloi Devesa, criticou a falta de concreción e transparencia nun goberno municipal do PP que incumpre “unha lei cuestionada pero creada e defendida polo propio PP”.

“O PP fai a lei e é o primeiro en incumprila”, sinalou o portavoz do BNG, Eloi Devesa, arredor dun plan económico financeiro presentado polo goberno municipal de Teo que non convence ao grupo nacionalista. “Coma sempre, a transparencia brilla pola súa ausencia. A lei esixe que se detallen as medidas concretas tanto de incrementos de ingresos como de reducións de gastos e o plan non dá explicacións claras… a previsión que contempla non deixa de ser un brinde ao sol”, explica Devesa.

Para o BNG, o goberno do PP de Teo incumpre a regra de gasto, o límite establecido para as administracións públicas aprobado polo goberno de Mariano Rajoy, e presenta agora un plan obrigado por esta circunstancia sen “identificar as causas do incumprimento nin a concreción das medidas propostas para corrixilo”.

“Que gastos concretos que motivaron eses incrementos? por que se realizaron a sabendas de que se incumpría a regra?”, pregúntase Eloi Devesa despois de constatar que o goberno municipal de Teo recoñece un incumprimento xeralizado da regra de gasto, afectando a 4 dos 5 capítulos considerados computábeis.

O BNG considera que non se explican tampouco as medidas para corrixir a situación e é preciso ademais aclarar como se prevé acadar o superávit anunciado nos orzamentos do 2026. No texto plan económico-financieiro o goberno do PP de Teo, recoñece que, para corrixir o incumprimento de máis de 1,5 millóns de euros, tanto neste exercicio como no seguinte hai que aumentar a recadación (subir tributos e taxas municipais) ou reducir gastos, que sempre equivale a menos servizos á cidadanía.

Polo tanto, para o grupo nacionalista, o goberno municipal “incumpre coa súa obriga de xustificar as medidas incluídas no plan e achega unha información escasa que non responde aos contidos mínimos que a lei esixe”.

Deja un comentario