O pavillón municipal e as pistas do CPI acollerán este xoves a sétima edición do tetramaratón de San Sadurniño. Unha cita deportiva na que se inscribiron 12 equipos xuntando un total de 72 deportistas. Os encontros comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse durante toda a mañá. Se todo vai sobre o previsto as finais xogaranse cara ao mediodía, aínda que se a cousa é tan disputada como en 2014 e 2015 mesmo é posible que a competición se adentre nas primeiras horas da tarde.
Hai catro disciplinas distintas e adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poden mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.
No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de tres contra tres tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckei o crono tamén correrá sen pausa durante dez minutos.
Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.
A participación é gratuíta e haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O gañador recibirá un cheque de 50 euros por deportista para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.
O VII Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes e Ensino coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica xestionada pola Deputación da Coruña.
Este ano inscribíronse 12 equipos que xuntan un total de 72 deportistas. Case todos e todas serán da casa, agás un que vén da capela. O departamento de Deportes fixo catro grupos de enfrontamentos que quedan do seguinte xeito:
GRUPO A GRUPO B GRUPO C GRUPO D
Los Charlies Schalke te reviento Los Rumbitos Degeneración
do 80
Peña Vizzoivi Calce Team Vodka Junior Picopeixe
CF San Sadurniño Avenida Mesón O Forno Cara-D