Thursday 31 de July de 2025

O Concello investirá 1 millón de euros no Ventorrillo para construír o primeiro parque infantil cuberto da cidade


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso de dúas intervencións valoradas en máis de 1,6 millóns de euros, que permitirán avanzar co Plan de Barrios 2025-27, tanto no Ventorrillo como en Elviña

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a derradeira deste mes de xullo, e na que se deu luz verde a un investimento de 1,6 millóns de euros no Ventorrillo e Elviña, reforzando así a folla de ruta do novo Plan de Barrios 2025-2027 que promove o Goberno municipal.

Tal e como expuxo antonte a rexedora, na presentación oficial do Plan, iranse atendendo as
demandas de cada distrito da cidade, con énfase na mellora dos espazos públicos e na accesibilidade universal, tamén na renovación de infraestruturas de ocio e lecer para a cidadanía da Coruña.

É o caso do parque infantil lindeiro á gardaría do Ventorrillo, que o Concello ampliará e mellorará nos vindeiros meses, co que dará resposta a unha das principais demandas das familias usuarias da instalación. “Destinamos un millón de euros a renovar este espazo. Era unha actuación que tiñamos sobre a mesa xa desde hai tempo, e, agora, entramos na última fase dos trámites administrativos previos á execución das obras”, indicou Rey.

A saída a concurso dos traballos abre camiño á remodelación do parque, que conta cunha novidade destacada: será a primeira área infantil cuberta da cidade, unha medida concibida para protexer as crianzas en días de condicións meteorolóxicas adversas e tamén fronte á radiación solar nos meses estivais. A previsión do Concello é que a área infantil do Ventorrillo conte con catro cubertas lixeiras de policarbonato para cubrir o parque.
Tal e como detallou a alcaldesa, a superficie da área infantil pasará de 400 a 730 metros cadrados. “É dicir, coa mellora case a duplicamos, igual que o número de persoas usuarias: agora é de 76 e será de 135”, precisou. Ademais, renovaranse tanto o pavimento como os equipamentos que hai actualmente, sumando xogos inclusivos e sensoriais. Haberá dous novos tobogáns aproveitando o noiro lindeiro ao parque, semellantes aos existentes nos parques de Oza e Eirís.

Cando se adxudiquen as obras, haberá un prazo de nove meses para a súa execución.

O anteproxecto previo á licitación de San Diego e O Castrillón, aprobado

Por outra banda, hoxe aprobouse o informe de viabilidade das concesións dos centros deportivos de San Diego e do Castrillón, que o Concello ten previsto sacar a concurso proximamente.

Neste sentido, a Xunta de Goberno deulle luz verde este mércores ao anteproxecto das obras e melloras previstas a futuro en ambas as instalacións. Establécese un investimento mínimo de 6.500.000,00 € para renovalas, cun modelo que prevé que os ingresos xerados pola explotación permitan financiar o dito investimento con rendibilidade positiva.

A meirande parte dos investimentos serán en San Diego, un recinto que abriu á cidadanía hai 25 anos “e que, polo tanto, precisa de adaptacións e renovación das súas instalacións”, razoou a alcaldesa. É o caso dos sistemas de produción de auga quente e fría, os de ventilación e climatización, a fontanería e tamén os sistemas de filtración e tratamento de auga das piscinas. Tamén se formulan melloras de accesibilidade no interior do polideportivo e actuacións na envolvente. Concretamente, en partes onde os informes técnicos detectaron posibilidades de mellora, como os acristalamentos e as vidreiras da piscina.

O investimento de 6,5 millóns tamén terá un impacto positivo no Castrillón, mais en menor medida, xa que o centro deportivo do barrio é máis recente e, polo tanto, as súas instalacións son máis modernas e precisan menos actualizacións. 650.000 euros para humanizar a praza Manuel Guitián, en Elviña

Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde ao proxecto e licitación das obras para humanizar a praza Manuel Guitián, situada na segunda fase do barrio de Elviña.

Ao igual que xa se fixo previamente noutros puntos da zona, como Pintor Laxeiro e Pintor Manuel Colmeiro, o Concello avanza na mellora de espazos públicos lindeiros aos bloques residenciais do barrio, gañando superficie peonil e seguridade viaria na contorna das vivendas, osixenando así os seus accesos e facendo máis sinxelo o tránsito de persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Esta é unha das razóns polas que se actúa en Manuel Guitián, xa que o distrito 7 (ao que pertencen barrios como Elviña e O Castrillón) é un dos que, porcentualmente, conta con máis veciñas e veciños por riba dos 65 anos.

A previsión do Goberno de Inés Rey é renovar os pavimentos, tanto das beirarrúas —que serán ampliadas— como da calzada, visibilizando os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, elevarase o paso peonil que hai no acceso á praza, para calmar o tráfico, e plantaranse máis exemplares de arboredo arredor da praza, para favorecer a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano.

A maiores, renovarase a iluminación na praza e farase separativa a rede de pluviais e saneamento da zona, que actualmente é unitaria. Desta forma, o Concello mellorará a recollida de augas en orixe.

O investimento será de máis de 650.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos, haberá un prazo de seis meses para executalos.

Pulo ao emprendemento no centro de empresas de Agrela

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse a modificación inicial da Ordenanza reguladora dos centros municipais de empresas de Agrela e O Papagaio.
“Vimos dándolle facilidades ao tecido emprendedor da Coruña para que usen estas instalacións nas primeiras fases de constitución e desenvolvemento, mellorando as condicións de acceso e ampliando o tempo de permanencia. Agora, daremos un paso máis nesta liña atendendo aos datos recentes de implantación de empresas”, dixo Inés Rey. No caso do Papagaio, e tras a última modificación da ordenanza, no primeiro semestre deste ano contabilizáronse seis novas iniciativas empresariais no espazo de coworking.
“Agora, o que imos facer é incorporar unha nova tarifa para as persoas que desenvolvan proxectos en preincubación no Centro municipal de Agrela, ao igual que xa pasa no Papagaio. Desta forma, facilitamos que iniciativas e proxectos empresariais que están nesta fase de desenvolvemento conten tamén con instalacións en Agrela e atopen aquí, na cidade, a súa lanzadeira de futuro”, explicou a alcaldesa.

Tras a súa aprobación inicial na Xunta de Goberno Local, esta nova modificación da ordenanza levarase ao Pleno para avanzar na súa ratificación.

Aproveitamento dun antigo baixo de ADIF en Catro Camiños

No referente á Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, na Xunta de Goberno Local desta mañá fíxose balance das licenzas e permisos urbanísticos concedidos polo Concello na última quincena deste mes.

Entre os expedientes tramitados neste período destaca o que permitirá reconverter o baixo da antiga cervexaría entre Alcalde Marchesi e a avenida de Oza, unha propiedade que foi do ADIF e tras a súa recente poxa, será remodelada para acoller un novo ximnasio no barrio de Catro Camiños.

Deja un comentario