Thursday 31 de July de 2025

O estadio de Río Seco acollerá a vindeira semana o Trofeo Narón entre o Racing Club Ferrol e o Fabril Deportivo


O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Abraham Yáñez, representante da Federación Galega de Fútbol na comarca e con Sergio Fraga e Nicolás Manso, director deportivo e vicepresidente, respectivamente, do club Narón-O Freixo o Trofeo Narón 2025 que disputarán o Racing Club Ferrol e o Fabril Deportivo. O estadio municipal de Río Seco acollerá o evento o vindeiro 6 de agosto, ás 20:15 horas.
Abraham Yáñez asegurou que “é unha honra que un equipo representativo da comarca celebre encontros na nosa circunscripción, porque é reiniciar un proxecto e que se disputen este tipo de partidos e bo para a masa social e por ilusionar á afición”. Así mesmo agradeceu ao Concello e ao Narón-O Freixo a organización do encontro e ao Fabril Deportivo que aceptase xogar este partido.
En nome do club, Sergio Fraga asegurou que “é unha honra poder colaborar un ano máis neste trofeo, do que agradecemos ao Concello a iniciativa e tamén aos clubs que participarán, que xeran ilusión entre a afición”, amosando a confianza en que o público acuda ao estadio nesa xornada para apoialos.
Pola súa banda, o edil de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu ao Racing o feito de que contase con Narón para xogar un partido de pretempada un ano máis e tamén a colaboración entre clubs e ao Deportivo as facilidades que puxo para que o Fabril puidese participar neste evento. A maiores, Santalla destacou tamén a colaboración da Federación Galega de Fútbol, tanto neste como noutros eventos que se organizan ao longo do ano na cidade deste deporte.

Deja un comentario