Thursday 31 de July de 2025

Paderne ultima os preparativos para a Romaría da Familia, a gran festa de fraternidade que terá lugar o 30 de agosto


 O mago Cayetano Lledó e os músicos Carlos Manteiga, Nolñi Rodríguez e Alejandra Pais encabezan un cartel no que haberá propostas para pequenos e maiores.

 Ata o 22 de agosto, os grupos de persoas poden reservar o seu sitio no Telleiro para consumir a comida que traian.

O Concello de Paderne ultima os preparativos para a súa Romaría da Familia, un evento que foi a primeira gran festa tras a pandemia e naceu como herdeiro do Día da Familia, que levaba sen celebrarse desde o 2018. O equipo de goberno padernés aposta así por introducir no calendario local unha festa na que a veciñanza recupere o protagonismo.

Tras o éxito das dúas primeiras edicións, o executivo local volve apostar por un evento para maiores e pequenos. Así, o 30 de agosto, desde as 13:00 horas, O Telleiro acollerá a todos os grupos de familias e amigos que desexen achegarse para gozar dunha xornada festiva en sociedade, na que o Concello de Paderne porá as actividades.

O día contará coas actuacións de Carlos Manteiga, Alejandra Pais e Noli Rodríguez. O “prato” forte virá no momento do xantar. Os grupos que o desexen poderán reservar o seu sitio no Telleiro para consumir os produtos que traia cadaquén.

As persoas interesadas poden anotarse no Concello (de xeito presencial ou telefónico) ou escribindo un mail a cultura@concellodepaderne.com ata o día 22 de agosto.

A maiores da comida que leven os particulares, o Concello de Paderne ofrecerá un servizo de pulpeira -con racións de pago-, á que se sumará pola tarde un chocolate con churros. Será despois de comer cando tamén comecen o bingo e o karaoke, acompañados polos Campionatos de tute, parchís e dominó. Os xogos populares para todas as idades serán unha das propostas nas que tamén poderá participar a cativada, que contará con inchables e Festa da Escuma.
“Tras o éxito das dúas pasadas edicións, nas que superamos de xeito amplo as 600 persoas inscritas tan só para comer, queremos repetir. O traballo dun goberno local é potenciar o municipio e o seu tecido social. Con servizos como os que xa ofrecemos, pero tamén con eventos como esta Romaría da Familia que pretendemos consolidar no calendario, como a Feira GastroLexítimo. Paderne ten moito que ofrecer e para demostralo é preciso que a súa veciñanza sinta orgullo de pertenza”, apunta o alcalde, Sergio Platas.

Deja un comentario